A convocatoria aos grupos chegou esta mañá cando os voceiros de PP, Lugonovo, BNG, Ciudadanos e ACE mantiñan unha nova xuntanza conxunta para decidir os seguintes pasos a dar
IMG_1479_opt
 A presión unánime dos cinco grupos da oposición no Concello de Lugo (PP, Lugonovo, BNG, Ciudadanos e ACE) respecto ao Garañón deu resultado. A alcaldesa, Lara Méndez, convocou esta mesma mañá para o vindeiro mércores ás 10:30 horas a primeira reunión da Comisión específica pedida hai unha semana polos portavoces dos cinco grupos, Jaime Castiñeira, Santiago Fernández Rocha, Rubén Arroxo, Olga Louzao e Carlos Portomeñe nun escrito asinado conxuntamente e entregado no Rexistro.
A convocatoria aos grupos chegou ás dez e vinte desta mañá cando a oposición mantiña unha nova xuntanza nas dependencias municipais para analizar a actual situación logo das últimas sentenzas xudiciais que cuestionan o proceso levado a cabo na Unidade de Actuación CS-5 e estudar os novos pasos a dar en defensa dos intereses da cidade.
Os cinco grupos da oposición consideran que o diálogo e o acordo entre todos os grupos que forman parte da actual Corporación Municipal debe ser o camiño a seguir para dar unha solución ao Garañón vantaxosa para os intereses da cidadanía, solución na que debe participar tanto o Goberno como a oposición. Por iso, consideran logrado o primeiro obxectivo, a convocatoria da propia Comisión, pero esixirán nela resultados e decisións acordadas en beneficio da cidade.
Finalmente, PP, Lugonovo, BNG, Ciudadanos e ACE alégranse de que a alcaldesa, Lara Méndez, recollera a invitación realizada a semana pasada no seu escrito conxunto e decidira convocar a Comisión para non quedar á marxe das decisións que demanda a cidadanía de Lugo nun dos asuntos máis importantes e trascendentes para a cidade e afirman que seguirán mostrando, no seo da Comisión, a mesma actitude de diálogo e colaboración.