A voceira de Ciudadanos di que a sentenza do TSXG “anula o PERI da unidade de Actuación CS5 e cuestiona que a reducción da edificabilidade na parcela se fixese a costa dos dereitos urbanísticos do Concello” polo que “Orozco e Besteiro venderon aos lugueses e luguesas non se sabe a cambio de que”

 

Ciudadanos considera que “a sentenza non avala que este sexa un bo Plan Xeral para Lugo” e afirma que “o máis controvertido do Plan Xeral está aínda sen aprobar”  

 

Lugo, 8 de marzo de 2017. O Grupo Municipal de Ciudadanos considera que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en relación ao Plan Xeral de Ordenación Municipal “sementa dúbidas fundadas de ilegalidade sobre o convenio do Garañón”, polo que “Lara Méndez xa non ten desculpa para non revisar este documento así como toda a tramitación feita no seu día por Orozco e Besteiro”.

 

A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, explica que “a sentenza do TSXG anula o Plan Especial de Reforma Interior (PERI) da Unidade de Actuación CS-5 das Costas do Parque aprobado en 2005 polo Goberno do PSOE e cuestiona o convenio asinado por Orozco e Besteiro co promotor do Garañón porque a redución da edificabilidade na parcela faise a costa unicamente dos intereses urbanísticos do Concello, que por lei ten dereito ao 10% do aproveitamento urbanístico pero mantén na súa máxima plenitude a edificabilidade ao promotor”.

 

Ciudadanos esixe ao Goberno “a inmediata convocatoria da Comisión do Garañón solicitada esta semana de maneira unánime por toda a oposición para que o Concello encargue un estudo pormenorizado sobre as posibilidades legais de anular o convenio asinado por Orozco e Besteiro e evitar deste xeito indemnizacións millonarias que terían que pagar todos os lugueses e luguesas”. A voceira de Ciudadanos, que foi a promotora da xuntanza deste luns de toda a oposición polo Garañón pide “a unión de todos os grupos da Corporación neste tema por riba dos intereses partidistas de cada un de nós para defender os intereses dos lugueses” e pídelle á alcaldesa que se sume. “Os cidadáns botaron de menos a Lara Méndez na foto deste luns”, afirma Olga Louzao.

 

“A sentenza o que non dí é que este sexa un bo Plan Xeral”

 

A voceira de Ciudadanos afirma que “a sentenza non avala que este sexa un bo Plan Xeral nin que sexa o Plan Xeral que precisa Lugo e que se adapta ás súas necesidades, porque o Tribunal non entra a valorar iso”. Olga Louzao critica tamén o “cinismo” do PP en relación ao urbanismo que se fai na cidade e ao Plan Xeral que, lembra, “foi aprobado cos votos tanto do PP coma do PSOE”. “O señor Castiñeira aprobou este PXOM que agora critica xunto ao señor Orozco e ao señor Besteiro”, di.

 

Ciudadanos di que “o único positivo desta sentenza é que despexa dúbidas sobre a normativa urbanística vixente neste momento na cidade e dá seguridade xurídica a posibles investidores”. Olga Louzao considera que “sería suicida poñerse neste momento a facer un novo Plan Xeral cun Goberno que día a día demostra a súa absoluta inutilidade”.

 

Falta a parte máis polémica do PXOM

 

Ciudadanos considera que a parte que aínda falta por aprobar do PXOM “é precisamente a parte máis controvertida do Plan porque afecta, entre outras cuestións, ao modelo de urbanizacións de chalés e ao desenvolvemento urbanístico da zona rural, que foi unha das razóns polas que a Xunta de Galicia non deu o seu visto bó no seu día á totalidade do PXOM”. Olga Louzao augura ademais que este 5% pendente “non se vai aprobar neste mandato porque o Goberno municipal, na súa situación de minoría, non se vai atrever a levalo a Pleno” e considera que “o feito de que a zona rural de Lugo non teña un planeamento actualizado está lastrando o seu dinamismo e a súa capacidade de desenvolvemento”

 

A “historia interminable” de 21 anos de tramitación

 

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lugo, revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) en vigor desde o 4 de febreiro de 1991, iniciou o seu proceso de elaboración o día 28 de abril de 1995, cando o Pleno da Corporación Municipal de Lugo acordou iniciar o procedemento de revisión do planeamento urbanístico vixente ao considerar xustificada esta necesidade.

 

PP e PSOE aprobaron conxuntamente no Pleno Municipal o 30 de decembro do 2010 o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo, que foi remitido á Xunta para a súa aprobación definitiva o 3 de febreiro de 2011. Segundo a orde emitida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de aprobación definitiva do PXOM de Lugo do 29 de abril de 2011 a Xunta deixa en suspenso un 5% do Plan Xeral que está aínda pendente de aprobación. Olga Louzao considera “incrible” que despois de 22 anos de tramitación o Plan Xeral non estea aínda aprobado definitivamente na súa totalidade.