Olga Louzao explica que o Concello paga cada mes case 10.000 euros con reparos de legalidade do Interventor municipal por este motivo
Ciudadanos pide que se subsanen as deficiencias que existen nas aulas dos tres centros sociais onde se presta este servizo
Lugo, 3 de marzo de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos denunciou hoxe que o contrato para a atención das ociotecas municipais está caducado desde maio do ano pasado, polo que o Concello de Lugo paga todos os meses case 10.000 euros con reparos do Interventor municipal por este motivo.
O programa Aprende Xogando, que se presta polas tardes en horario escolar e en xornada de mañá e tarde durante as vacacións nos centros sociais de Frigsa, Maruja Mallo e Uxío Novoneira foi adxudicado á Fundación Camiña Social nun contrato que rematou o 31 de decembro de 2015 e que foi prorrogado até o 25 de maio de 2016. Desde entón, o servizo, polo que o Concello paga 9.7498,91 euros mensuais, estase a prestar sen ningún tipo de contrato, explica a portavoz de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao.
O servizo de ociotecas municipais depende orgánicamente da Casa da Muller e “é un servizo necesario para facilitar a conciliación laboral e familiar”, advirte Ciudadanos. Está atendido por 8 persoas e dá servizo a unhas 75 familias. En concreto, a Frigsa acoden diariamente unha media de 30 nenos e nenas, que son atendidos por 3 traballadoras, ao Maruja Mallo uns 25, atendidos por 3 persoas, e ao Uxío Novoneira 20 usuarios, que son atendidos por 2 traballadoras.
Deficiencias no servizo que é necesario corrixir
Olga Louzao pide ao Goberno local que aproveite o novo prego de condicións para sacar a concurso o contrato para corrixir algunha deficiencia e mellorar deste xeito o servizo. Por exemplo, denuncia que na actualidade non se cubren as baixas nin as vacacións das traballadoras, que se teñen contrato a media xornada de 20 horas semanais, “polo que en ocasións o servizo queda mermado ao ser atendido unicamente por 1 persoa”.
Ciudadanos tamén pide que se apliquen criterios de renda no cobro do servizo ás familias que fan uso del. A tarifa actual é de 1,03 euros por turno (4,5 euros á semana en horario de tarde e 5 euros en horario de mañá durante as vacacións escolares) e “non ten en conta a situación económica da familia que usa este servizo municipal”, explica Olga Louzao.
Do mesmo xeito, existen eivas nas aulas dos centros sociais onde se desenvolve o programa Aprende Xogando. Por exemplo, no Uxío Novoneyra non se dispón de auga quente para que os nenos e nenas laven as mans e para que as coidadoras limpen o material. No caso do centro social de Frigsa, están sen executar unha serie de obras xa aprobadas, consistentes en melloras nos baños, nas ventás e no sistema de calefacción.