solar municipal Agro do Rolo1_optsolar municipal Agro do Rolo2_opt

Jesús Expósito explica que está cheo de refugallos e materiais de construción e que o peche metálico da parcela incumpre a normativa municipal ao invadir un metro a beirarrúa da avenida Reverendo Xosé Fernández Núñez

 

“Como vai esixir o Concello aos propietarios de predios sen edificar que os manteñan limpos e en condicións se o propio Concello ten os que son seus completamente abandonados”, critica o concelleiro de Ciudadanos

 

Lugo, 27 de febreiro de 2017. O Grupo municipal de Ciudadanos denuncia o “estado de abandono no que se atopa un predio que está sen edificar e que é propiedade do Concello na avenida Reverendo Xosé Fernández Núñez, na zona da praza Agro do Rolo” e esíxelle ao Goberno de Lara Méndez “que saia do seu estado de hibernación permanente no que se atopa desde que accedeu á alcaldía hai case dous anos e actúe para solucionar os problemas dos cidadáns e cidadás de Lugo”.

En concreto, o concelleiro de Ciudadanos Jesús Expósito indica que o Concello é propietario dunha parcela de 801 metros cadrados sen construír na Unidade de Actuación Norte 19. “Neste predio acumúlanse todo tipo de residuos e materiais de contrución sen que o Concello procedera á súa limpeza desde hai anos, polo que medran tamén maleza e arbustos de todo tipo. Ademais, a propia parcela está pechada cun balado metálico que incumpre a normativa ao invadir un metro a beirarrúa e dificultar o paso dos viandantes por ela”, denuncia Jesús Expósito.

Expósito chama a atención sobre o feito de que “o Concello incumpra desta maneira tan escandalosa a súa propia normativa” e pregúntase “como vai o Concello esixirlles aos propietarios de parcelas sen edificar que as limpen e as manteñan en condicións se o propio Concello non o fai coas súas”. “O primeiro que ten que facer o Concello é dar exemplo”, argumenta Jesús Expósito.

 

Situación que se repite noutros puntos da cidade

 

O concelleiro de Ciudadanos explica que o que acontece nesta zona “non é un caso illado, senón que se repite noutros puntos da cidade”. “É frecuente que cando o noso grupo municipal recibe a queixa dos veciños dunha zona determinada polo mal estado dalgún predio sen edificar na súa rúa ou no seu barrio e imos preguntar pola titularidade dese solar en moitas ocasións atopámonos con que o dono é o propio Concello”, relata Jesús Expósito.

Hai un mes o grupo municipal de Ciudadanos denunciaba o mal estado no que se atopan varios predios propiedade do Concello na zona da Abella. En concreto, Jesús Expósito indica que o Concello é propietario de varios solares na rúa Fábrica de Abella, onde se ubica o novo centro comercial, na parte traseira dos bloques de vivendas situados na rúa Aquilino Iglesia Alvariño. “Estes predios están en moi malas condicións, con falta de limpeza e desbroce, o que provoca mesmo insalubridade nas vivendas”, denuncia.

Nalgún caso algúns destes predios son consecuencia da cesión obrigatoria do 10% do aproveitamento urbanístico que os propietarios teñen que facer ao Concello ao desenvolver unha unidade de actuación, polo que, en ocasións, trátase de franxas estreitas ou de pequena extensión, o que dificulta que poidan ser utilizadas para construir dotacións para os distintos barrios e quedan completamente abandonadas aínda sendo municipais.