Jesús Expósito explica que hai ANPAs que xa mostraron o seu rexeitamento a seguir contratando directamente o catering dos comedores dos centros públicos
Ciudadanos propón ao Concello aumentar a partida para mantemento dos centros de ensino e dotar de desfibriladores a todos os centros educativos públicos da cidade
Lugo, 27 de febreiro de 2017. O Goberno municipal espera poder sacar a concurso no mes de marzo o servizo de comedores escolares. Así o asegura o concelleiro Manuel Núñez en resposta ás preguntas formuladas polo Grupo Municipal de Ciudadanos, que se interesaba tamén pola partida destinada ao mantemento das instalacións dos centros educativos públicos que hai na cidade.
En relación aos comedores escolares, Ciudadanos quería saber se o Concello de Lugo recibiu resposta da Xunta de Galicia á solicitude de autorización realizada para poder asumir esta competencia, cando prevé o Concello sacar a concurso este servizo, en que fase está o proceso e se está rematada a documentación necesaria. O responsable de Educación do Goberno Municipal, Manuel Núñez, respondeu que espera que para o mes de marzo xa se poida sacar a concurso o servizo de comedores e indicou que neste momento falta por rematar o prego administrativo e a consignación orzamentaria necesaria, polo que condicionou a licitación dos comedores escolares á aprobación do Orzamento de 2017.
Informou ademais de que o Concello de Lugo conta xa con autorización da Xunta de Galicia para asumir esta competencia e que recibiu o pasado día 20 de xaneiro comunicación da Consellería de Educación na que solicitaban datos relativos ao número de comensais a xaneiro de 2017, información que se remitiu por parte do Concello o día 7 de febreiro.
Dimisións nas ANPA’s ao a ter que asumir o servizo
O concelleiro de Ciudadanos Jesús Expósito explica que “dado que o Concello xa conta con autorización da Xunta para asumir a xestión dos comedores escolares, agora só depende do Concello” e indicou que “o feito de que o Goberno municipal a día de hoxe, a piques de entrar no mes de marzo, non presentara aínda un borrador de Orzamentos, está bloqueando asuntos importantes coma este”.
Ciudadanos pídelle ao equipo de Lara Méndez que axilice os trámites administrativos e saque a concurso “de inmediato” o servizo de comedor nos centros públicos da cidade, que neste momento se viron obrigadas a asumir as ANPAs ao ser prestado “por unha empresa sen ningún tipo de contrato e co beneprácido dos Gobernos de Orozco e Lara Méndez”, denuncia Expósito, que considera que “se o Goberno non se apura acabará o curso e os comedores seguirán sendo responsabilidade das ANPAs”. O concelleiro de Ciudadanos revela ademais que “cando menos tres ANPA’s de colexios públicos da cidade, as do Illa Verde, Rosalía e Paradai, xa mostraron a súa disconformidade con seguir contratando directamente os comedores pola responsabilidade que isto conleva e explica que nalgunha delas xa se produciron mesmo dimisións por este motivo”.
Ciudadanos pedirá incrementar a partida para mantemento dos colexios nos Orzamentos
Ciudadanos pedirá que nos Orzamentos municipais deste ano 2017 se incremente a partida destinada a subsanar todas as deficiencias existentes nos colexios públicos da cidade, xa que considera que os 100.000 euros orzamentos en 2016 foron “claramente insuficientes”. O propio Manuel Núñez veu a darnos a razón cando informou de que ademais dos 100.000 euros orzamentados e gastados no mes de setembro, o Concello tivo que investir outros 37.500 euros en reparacións ao longo do curso e ten previsto destinar outros 21.000 a partir deste mes de febreiro dentro do Plan Mellora Lugo para material e pequenas obras de mellora. “Se o Concello tivo que gastar durante este curso un 58% máis do que tiña previsto (158.500 euros) é evidente que os 100.000 orzamentados eran insuficientes”, aseverou Jesús Expósito.
“Moitas destas deficiencias existentes nos centros escolares públicos da cidade perduran desde hai anos”, denuncia o concelleiro de Ciudadanos Jesús Expósito, que cita entre outros o colexio da Ponte, “que ten o patio destartalado, cheo de fochancas e con grava solta” ou “a zona de xogos infantís de area do colexio da Anexa, que non cumpre coa normativa en materia de xogos infantís”.
Dotar de desfibriladores a todos os colexios de Lugo
Ciudadanos tamén lle propón ao Goberno municipal que dote de desfibriladores a todos os centros escolares públicos da cidade mediante un concurso no que se inclúa o mantemento destes aparellos e os cursos de formación necesarios entre o profesorado e o persoal dos centros para que saiban como usalo. Jesús Expósito considera que se trata dunha medida “preventiva” que “nun momento dado pode salvar unha vida, tanto a dun alumno ou alumna como a dun docente” e lembra que “igual que existen en moitos pavillóns ou instalacións deportivas, nos centros educativos tamén se realiza actividade física por parte dos nenos e nenas”. O concelleiro de Ciudadanos explica que o seu custo ronda os 800 euros por aparato e que “hai centros, como é o caso do Illa Verde, que están mirando de adquirilo eles porque o Concello non llelo facilita”.