- O grupo municipal presentou unha moción para que o Concello inste ao Goberno central a modificar a normativa estatal na o que se basea a ordenanza de Pontevedra para así aplicar a sentenza do Supremo que anula ese imposto
Pontevedra, 22 de febreiro de 2017.- O grupo municipal de Ciudadanos en Pontevedra presentou unha moción coa que busca o apoio do pleno para que o Concello inste ao Goberno Central a modificar a Lei de Facendas Locais para acatar a sentenza do Tribunal Constitucional na que se declara inconstitucional a vixente regulación do Imposto sobre o Incremento do Valor de Terreos de Natureza Urbana, coñecido como plusvalía, que en teoría grava a revalorización dos inmobles cando son vendidos, pero na práctica é abonado sempre, aínda que perdesen valor.
En palabras da concelleira María Rey “non entendemos a pasividade do goberno local fronte a esta cuestión e non nos imos a manter de brazos cruzados, senón que tentaremos presionar para que se cambie esta lexislación que é totalmente inxusta”.
Segundo a moción presentada, unha vez sexa modificada a lexislación poderase adaptar a Ordenanza Municipal número 201 para que o cobro da plusvalía municipal se axuste á capacidade económica real do contribuínte. Así, o Concello poderá estudar a posible devolución do cobrado inxustamente a aqueles contribuíntes que non obtiveron plusvalías coa transmisión de inmobles sitos no termo municipal, así como arbitrar as medidas necesarias mediante as que os afectados poidan reclamar as cantidades satisfeitas neste concepto nos casos nos que non se produciu tal incremento.
Segundo María Rey, “a resolución do Tribunal Constitucional pon de manifesto que esa regulación é inxusta e debemos traballar para cambiala”. “Debemos lembrar que malvender a vivenda foi o último recurso para moitas familias que se viron obrigadas a adxudicar o seu fogar ao peor ofertante posible ou mesmo que tiveron que renunciar ao seu inmoble como dación en pago e a quen esta lexislación supuxo un maior prexuízo para as súas economías”, engadiu Rey.
O texto do imposto de plusvalía regula o método de cálculo do mesmo establecendo como únicos parámetros para a súa liquidación o valor catastral do chan e o número de anos de tenencia do ben, ao que se lle aplicará o coeficiente correspondente. Para María Rey, “ambos datos poden ser correctos indicios do aumento de valor do ben, especialmente en tempos da burbulla inmobiliaria, pero a súa práctica demostrou que non son máis que indicios. Ademais, o seu resultado foi que tanto perdedores como gañadores tiveron que pagar o mesmo de forma totalmente indiscriminada, obviando os principios de capacidade económica e non confiscatoriedade dos tributos que establece a nosa Constitución”.
A edil laranxa insistiu en que “esixir un imposto de plusvalía a quen perde diñeiro é taparse os ollos ante a realidade social e agora tamén ante a xustiza, razón pola que consideramos imprescindible que o Concello tome cartas no asunto”. “Por iso presentamos esta moción coa que pretendemos aburar ao Goberno Central a solucionar esta cuestión mediante os trámites legais axeitados para iso”, sentenciou.