Olga Louzao explica que tal como está regulado na actualidade o tributo obriga a pagar mesmo a aquelas persoas que perderon a súa vivenda como consecuencia dun desafiuzamento
Ciudadanos explica que a Lei de Facendas Locais non ten en conta que moitos inmobles perderon valor como consecuencia da crise económica, polo que o imposto resulta inxusto, tal como ven de resolver o Tribunal Constitucional
Lugo, 21 de febreiro de 2017. A voceira do grupo municipal de Ciudadanos, Olga Louzao, quere que o Concello de Lugo modifique o actual imposto de plusvalías municipal por resultar “inxusto en moitos casos ao non ter en conta a situación real no caso de venda de inmobles e cobrar unicamente en función dunha estimación en función do valor catastral e do número de anos transcorridos desde a adquisición”.
Olga Louzao explica que paga o mesmo unha persoa que fixo un negocio lucrativo coa venda dunha parcela ou un inmoble que aquela que lle perdeu cartos como consecuencia da crise económica ou doutros factores. A actual situación chega a ser tan inxusta que mesmo obriga a tributar a aquelas persoas que foron desafiuzadas e perderon a súa vivenda, explica Ciudadanos, que presentou unha proposición ao Pleno para modificar a actual ordenanza.
Ciudadanos explica na súa iniciativa que “o 16 de febreiro de 2017, o Tribunal Constitucional resolveu a cuestión de inconstitucionalidade nº 1012/2015 promovida por un xuíz do contencioso de Guipúscoa sobre os artigos 4.1, 4.2 a) e 7.4 da Norma Foral 16/1989, que regula o Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana, a Plusvalía Municipal” e que “os apartados cuestionados polo TC son idénticos aos recolleitos na Lei de Facendas Locais, reguladora de dito gravame, e foron declarados inconstitucionais e nulos na medida en que someten a tributación situacións de inexistencias de incrementos de valor”.
A resolución do TC pon de manifesto a inadecuada regulación dun imposto cuxa esixencia é potestativa, e que obrigou a facer fronte a pagos a numerosos contribuíntes que non obtiveran ningún beneficio/plusvalía na transmisión de vivendas e locais na nosa localidade. Xa fora motivada por unha elección persoal, froito da necesidade económica ou dunha imposición legal, como foron os supostos de execución hipotecaria, o cobro da plusvalía municipal nos casos de perda patrimonial resulta claramente inxusto.
O Concello de Lugo recada 2 millóns de euros ao ano por plusvalías
O Concello de Lugo recada ao ano 2 millóns de euros por plusvalías e a Ordenanza Fiscal número 201, reguladora do imposto municipal sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, basea o cobro da plusvalía municipal nos mesmos criterios recolidos na Lei de Facendas Locais postos en entredito polo TC: valor catastral e anos transcorridos desde a adquisición até a venda, explica Ciudadanos.
“Faise necesario por tanto que o Pleno do Concello de Lugo arbitre con carácter urxente medidas que, dentro das competencias das administracións locais, logren que se esixa o tributo con arranxo á capacidade económica real do contribuínte, así como reparar a aqueles que fixeran fronte ao gravame, cando non tiñan obrigación”, argumenta Olga Louzao.
Con este obxectivo, o grupo municipal de Ciudadanos propón ao resto de grupos da Corporación un acordo plenario que inste ao Goberno central a modificar a Lei de Facendas Locais en consonancia co exposto polo Tribunal Constitucional na súa resolución de 16 de setembro de 2017 e pide ao Goberno municipal que, unha vez sexa modificada a Lei de Facendas Locais, adapte a Ordenanza Municipal número 201 para que o cobro da plusvalía municipal se axuste á capacidade económica real do contribuínte.
Do mesmo xeito, Ciudadanos tamén insta ao Goberno municipal a estudar a posible devolución do cobrado inxustamente a aqueles contribuíntes que non obtivesen plusvalías coa transmisión de inmobles sitos no termo municipal de Lugo, así como a arbitrar as medidas necesarias mediante as cales os afectados poidan reclamar as cantidades satisfeitas en concepto de Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana nos casos nos que non se produciu tal incremento.
Equiparar a Plusvalía municipal ao Imposto de Sucesións da Xunta
Ao mesmo tempo, Olga Louzao propón que a Ordenanza Municipal que regula as plusvalías municipais se equipare a outros tributos como é o imposto da Renda estatal ou o imposto de Sucesións autonómico, “de maneira que non se produzan as disfuncións que se dan hoxe en día, cando unha mesma persoa e polo mesma situación está exenta de pagar o imposto de Sucesións pero ten que pagar a plusvalía ao Concello”.
Para iso, Ciudadanos pide modificar o artigo 15 da ordenanza municipal para equiparar os supostos bonificables aos recollidos na normativa que regula o imposto de sucesións no caso de morte ou por pactos sucesorios (mellora ou apartación), cando os suxeitos pasivos do imposto sexan descendentes e adoptados ou ascendentes e adoptantes, colaterais por consanguinidade (maiores de 65 anos sempre que convivisen co causante ou outorgante os dous anos anteriores), cónxuxe do causante ou persoa con que convivira o causante con análoga relación de afectividade e así conste nun rexistro público, establécese unha bonificación sobre a cota íntegra do imposto correspondente ao ben inmoble de natureza urbana que sexa a vivenda habitual do causante, en función do valor catastral do solo
Transmisión de negocios a descendentes
Do mesmo xeito, Ciudadanos tamén propón medidas para fomentar a actividade comercial destinadas aos pequenos negocios, como bonificacións no pago de plusvalías no caso de transmisión de negocios familiares cando o sucesor sexa un familiar directo, por medio de establecer unha bonificación na transmisión de locais afectos a actividade económica exercida polo causante, tanto no caso de falecemento coma no caso de transmisións de negocios inter vivos cando o suxeito pasivo sexan descendentes, adoptados ou cónxuxe do causante ou persoa con que convivira o causante con análoga relación de afectividade e así conste nun rexistro público. Esta bonificación sería a metade da fixada no artigo 15 da Ordenanza para os casos por causa de morte, é dicir:
- a) 47,5% para valores catrastrais de 0 a 8.000 euros
- b) 25% para valores catrastrais de 8.000,01 a 16.000 euros
- c) 12,5% para valores catrastrais de 16.000,01 euros en adiante