Olga Louzao solicita á alcaldesa que dea participación a todos os grupos políticos, ás asociacións de veciños e aos distintos axentes sociais para definir entre todos o destino dos 22 millóns de euros dispoñibles
Ciudadanos pide que se habilite no portal de transparencia municipal un apartado adicado específicamente a informar á cidadanía de todo o relativo aos distintos proxectos financiados con fondos europeos así como do estado no que se atopa cada un deles nas súas distintas fases de execución
Lugo, 14 de febreiro de 2017. O Grupo municipal de Ciudadanos reclamará no vindeiro pleno ao Goberno municipal medidas para que a xestión dos fondos europeos que recibe o Concello sexa “eficaz e transparente” e para que tanto os grupos da oposición como o conxunto da cidadanía poidan participar na definición das actuacións a acometer dentro destes programas.
“A alcaldesa presumía no pleno de Debate sobre o estado do Concello celebrado o pasado 22 de decembro do feito de que este Concello dispoña de 22 millóns de euros de fondos europeos para distintas actuacións dentro dos proxectos Muramiñae, Lugo Smart City e Lugo+Biodinámico, entre outros. Dado que se trata de fondos públicos que no seu prazo temporal de execución exceden, como no caso do Muramiñae (2016-2022), o actual mandato, faise recomendable que a súa definición e posterior execución sexa consensuada por todos os grupos políticos que forman parte da Corporación Municipal”, argumenta Olga Louzao.
“Desde o grupo municipal de Ciudadanos pedímoslle á alcaldesa que facilite a participación tanto da Corporación municipal como da cidadanía de Lugo, no deseño e seguemento da execución dos programas municipais financiados con fondos europeos”, afirma Olga Louzao, que propón constituír unha Comisión de seguemento que teña como cometidos “decidir o destino dos fondos e as actuacións e incluir en cada programa, acordar as posibles modificacións que haxa que introducir para adecuar as distintas iniciativas tanto aos intereses da cidade como aos condicionantes que se establezan desde a UE, así como vixiar o estado de execución das distintas actuacións e de todos os procesos de contratación que se realicen para a correcta xestión dos fondos”.
Na súa proposición, que será debatida no vindeiro pleno, o día 23 de febreiro, Ciudadanos tamén reclama “que se establezan os mecanismos axeitados para que a sociedade participe dos distintos proxectos e iniciativas a través da implicación de todos os axentes sociais (asociacións de veciños e colectivos de distinta índole)” e que se habilite no portal de transparencia municipal un apartado adicado específicamente a informar á cidadanía de todo o relativo aos distintos proxectos financiados con fondos europeos así como do estado no que se atopa cada un deles nas súas distintas fases de execución.
A menos de dous meses de rematar o prazo, o Vello Cárcere está sen rematar
A voceira de Ciudadanos considera necesarias estas medidas “tendo en conta os problemas detectados na execución do programa Urban, que a menos de dous meses de rematar o prazo de finalización establecido presenta obras sen executar nalgunhas das principais actuacións incluídas, como o edificio do Vello Cárcere” polo que se fai necesario “establecer mecanismos para correxir estas eivas nos novos programas europeos”.
Ciudadanos pon como exemplo o programa Muramiñae, que quere que sexa “un proxecto de todos os lucenses”. “Este é un deses proxectos de cidade que ten que contar coa implicación e o consenso de todos”, defende Olga Louzao, que lembra que “no momento de ser solicitado xa contou co respaldo unánime no Pleno dos 25 membros da corporación municipal”.
O Muramiñae é un proxecto medioambiental financiado con fondos europeos que pretende a conexión da Muralla co río Miño a través do Carme. O proxecto xorde a raíz dunha iniciativa presentada polo grupo de Ciudadanos e foi incluído na Estratexia EDUSI, aprobada polo Ministerio de Hacienda e Administracións Públicas cun importe total de 12,5 millóns de euros, financiado nun 80% (10 millóns de euros) con fondos Feder europeos e nun 20% (2,5 millóns de euros) con aportacións propias do Concello de Lugo.
A totalidade do Orzamento está repartido en 7 exercicios económicos, desde o ano 2016 ao ano 2022, ambos incluídos, polo que Olga Louzao solicita “que o Goberno municipal se poña a traballar de inmediato para que non nos colla o tren, como está a pasar co Urban”.
Nula participación en Lugo e contratación dunha empresa de Madrid
Na sesión plenaria celebrada o 28-1-2016 aprobouse por unanimidade unha iniciativa na que se acordou “Crear unha Comisión de seguemento da Estratexia de desenvolvimento urbano sostible DUSI”. Transcorrido máis dun ano deste acordo plenario, o Goberno municipal non lle deu cumprimento, non sendo creada nin reunida esta Comisión.
É dicir, o equipo de goberno non deu até o de agora participación algunha nin ao resto de grupos desta Corporación Municipal nin á cidadanía de Lugo no deseño das actuacións a financiar cos fondos europeos. No canto diso, ven de formalizar un novo contrato con Pricewaterhouse Coopers, unha empresa radicada en Madrid, por importe de 20.933 euros para “reaxuste de estratexia e elaboración dun manual de procedimento” para o proxecto Muramiñae. Ciudadanos pide na súa iniciativa “que se evite a externalización dos servizos que se puideran requerir no ámbito da avaliación, auditoría e control do proxecto, aproveitando en todo momento os recursos públicos dispoñibles”.