A proposta presentada polo Goberno de Lara Méndez “quere contentar a unha parte da Policía Local e aos traballadores vinculados á UXT e ao Partido Socialista”, afirma Jesús Expósito
Ciudadanos revela que a suba total de salarios para o conxunto da plantilla municipal non iguala a cantidade repartida actualmente en concepto de productividade, que é de 1,2 millóns de euros ao ano
Lugo, 13 de febreiro de 2017. Os dous concelleiros de Ciudadanos, Olga Louzao e Jesús Expósito, rexeitan “por completo” a proposta de RPT elaborada polo Goberno de Lara Méndez e mostran o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores municipais que hoxe se concentraron en contra deste documento.
O grupo municipal de Ciudadanos considera que a nova Relación de Postos de Traballo que o Goberno municipal pretende aprobar esta semana “está elaborada sen criterios obxectivos e non foi feita en función das necesidades do Concello senón dos intereses de deternimados traballadores”. “En vez de facer unha valoración de postos e necesidades o Goberno fixo unha valoración de persoas e amiguetes. O único criterio do Goberno para elaborar esta RPT foi o colegueo e a RPT está deseñada a medida de determinadas persoas”, afirma contundente Jesús Expósito.
O concelleiro de Ciudadanos considera que a última proposta entregada polo Goberno municipal o pasado venres e que pretende aprobar este mércores en Xunta de Goberno “mantén a mesma discrecionalidade dos documentos anteriores” e “castiga á maioría de traballadores para beneficiar a unha minoría”. “Con esta RPT Lara Méndez quere contentar a unha parte da Policía Local e aos traballadores vinculados á UXT e ao Partido Socialista”, afirma Expósito, que lle pregunta á alcaldesa se non terá algo que ver cos próximos procesos congresuais que vai afrontar o PSOE e nos que “Lara Méndez necesita apoios dentro do seu propio partido para consolidarse como lideresa do PSOE en Lugo e parece que os quere lograr con esta RPT”.
Subas de 3.000 euros aos bombeiros, 4.000 para a Policía e 8.000 na Brigada de Augas
Ciudadanos revela que “as maiores subas danse na Policía Local, onde se pretende contentar a unhq parte dos seus membros con 4.000 euros de suba ao ano no complemento específico”. Sen embargo, “esta RPT non reestrutura á Policía Local para facer dela un corpo útil, moderno e próximo ao servizo dos cidadáns”, critica Expósito. De feito, a Policía Local segue mantendo un número “esaxeradamente elevado de mandos” e practicamente non se reforza ao incrementar a súa plantilla en tan só 5 membros con respecto aos actuais, pasando de 144 efectivos a 149, tendo en conta ademais que unha boa parte destas prazas atópanse vacantes neste momento.
Tampouco hai incrementos substanciais na plantilla noutro dos corpos principais dependentes da Administración local e que tamén ten que ver coa seguridade cidadá, os bombeiros, pois só se crean dúas prazas máis no corpo con respecto ás actuais, pasando de 54 a 56. O incremento salarial no caso dos bombeiros tamén é de máis de 3.000 euros.
Entre as maiores subas na regulación de complementos específicos atópase tamén a brigada de augas, que pasa de 4.500 euros a 12.000 no caso dos operarios e de 7.200 euros a 22.000 no caso do xefe da brigada. A RPT xustifica esta suba no feito de que “o Servizo de Augas atópase mermado no número de traballadores (ten 9 actualmente), o cal fai imposible cubrir as 24 horas do día todos os días da semana, polo que para cubrir as 24 horas do día faise necesario que algún dos traballadores permaneza localizado e de guardia, para que en caso de emerxencia poida trasladarse ao lugar oportuno para adoptar as primeiras medidas de seguridade no lugar, como cortes de auga”. Ciudadanos critica que “no canto de aumentar o número de traballadores de augas como servizo esencial que é, o Goberno opta pola solución de pagarlles máis aos que están aínda que non dean atendido axeitadamente o servizo”.
Malia a estes incrementos retributivos puntuais, Ciudadanos revela que a suba total do conxunto da plantilla municipal é inferior ao que actualmente se reparte en productividade, un total de 1,2 millóns de euros ao ano e coa que na actualidade se complementaba o salario de traballadores que están a realizar labores a maiores das propias do seu posto. Expósito indica que “parece que a alcaldesa non quere esgotar na RPT esa bolsa económica que está dispoñible para poder seguir distribuíndo discrecionalmente unha bolsa importante en produtividade no canto de distribuíla con criterios obxectivos e transparentes entre os traballadores a través da RPT”.
Negociada ás présas e pouco ambiciosa
Ciudadanos non comparte tampouco as “présas do Goberno” para “aprobar como sexa unha RPT nefasta e chapuceira” e indica que “moito tería que mellorar aínda o documento antes de ser aprobado”, polo que pide a Lara Méndez que “siga negociando cos sindicatos e os traballadores municipais” e non aprobe “un documento tan malo coma o que está en vigor desde hai 10 anos”. “A primeira moción que se aprobou neste mandato foi unha de Ciudadanos, presentada en setembro de 2015, para a elaboración dunha nova RPT que adaptara a estrutura organizativa do Concello ás actuais necesidades para facer do Concello unha Administración do século XXI. A alcaldesa tivo ano e medio para facer ese traballo, non o fixo e pretende agora sacalo do medio ás présas” critica Jesús Expósito, que lembra que “a primeira mesa negociadora cos representantes dos traballadores tivo lugar hai menos dun mes, concretamente o 17 de xaneiro”.
Olga Louzao e Jesús Expósito consideran “moi pouco ambiciosa” a restruturación organizativa proposta polo Goberno da socialista Lara Méndez e afirman que “a RPT presentada non deseña un Concello do século XXI, senón que mantén a estrutura municipal do século pasado, cunha distribución e ordenación de servizos que vén dos anos 90, hai case 30 anos”. Do mesmo xeito, opinan que “os criterios para crear servizos, seccións, negociados e mesmo oficinas específicas non están claros” xa que créanse servizos con tan só 3 traballadores, como o de Prevención e Saúde, fronte a outros que teñen máis de medio cento de traballadores, como é o caso de Enxeñería.
“O deseño administrativo que se propón non resolve os problemas estruturais da Administración local de Lugo, xa que a maioría das deficiencias, disfuncións e a falta de persoal que hai en moitos departamentos quedan sen solucionar”, afirma Ciudadanos. Expósito denuncia os casos do servizo de Licenzas, un dos que máis demora e retrasos acumula, que pasa unicamente das 9 prazas actuais a 10, ou o servizo de Facenda Local e Inspección Tributaria, que mantén o mesmo número de efectivos (19) dos que só 5 estarán destinados a Inspección Tributaria, un dos servizos que Ciudadanos considera necesario reforzar. “Este é un dos servizos que habería que reforzar axeitadamente, primeiro porque iso permite reducir a fraude e a morosidade no pago de impostos e taxas municipais e ademais porque iso posibilita que o Concello poida obter máis ingresos”, indica Jesús Expósito.
Non se prevé a municipalización de ningún servizo
Asemade, Ciudadanos afirma que “a proposta presentada polo Goberno de Lara Méndez segue desmantelando servizos e non corrixe as eivas e deficiencias estruturais que arrastran moitas das dependencias municipais actuais, polo que lonxe de acabar coas externalizacións de servizos vai incrementalas”. Neste sentido, Xesús Expósito denuncia que “non se prevé a municipalización de ningún servizo sobre os que hai mesmo acordos plenarios adoptados neste sentido, como é o caso da ORA ou do guindastre municipal” e que Ciudadanos considera que “sairía máis barato se fose atendido por persoal do Concello”
Chamativo é tamén o caso doutros servizos básicos para o funcionamento diario do Concello, como é o caso da Asesoría Xurídica ou Actas, que son dous servizos que están neste momento baixo mínimos e que motivou que tiveran que ser reforzados con contratacións externas. No caso da Asesoría Xurídica, perde un letrado en relación á plantilla actual, xa que a RPT prevé 4 persoas (un letrado asesor, un adxunto ao letrado, un técnico medio e un auxiliar administrativo), cando na plantilla actual hai, ademais do xefe da asesoría xurídica, 5 prazas (tres letrados, un técnico medio e un auxiliar administrativo), aínda que están vacantes as tres prazas de letrado. Outro tanto acontece co servizo de Actas, que perde unha praza con respecto á plantilla actual, formada por 10 persoas, das que dúas están vacantes, e que pasa a 9 efectivos. Ciudadanos considera isto “algo inconcebible tendo en conta que as necesidades nestes dous ámbitos aumentan e que houbo que contratar reforzos por importe de 60.000 e 11.000 euros anuais respectivamente”.