Jesús Expósito afirma que «o que Lara Méndez anuncia que vai facer agora é o que tiña que ter feito desde un principio»

 

Ciudadanos considera que «Lugo é unha especie de cidade sen lei para o tráfico pola permisividade do Goberno e a Policía Local»

 

Lugo, 8 de febreiro de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos afirma estar «sorprendido» ante as medidas anunciadas onte pola alcaldesa, Lara Méndez, ante a situación «caótica» do tráfico na cidade de Lugo. O concelleiros de Ciudadanos Jesús Expósito considera «absolutamente inaudito que a alcaldesa anuncie que a partir de agora vai facer cumprir a lei e as normas de circulación, xa que está recoñecendo publicamente que nos dous anos que leva no cargo non velou por que se cumpriran as normas, como é a súa obriga». «O que agora di Lara Méndez que vai facer non é máis que o que tiña que ter feito desde o principio», conclúe Expósito.

Ciudadanos considera que «se Lugo é neste momento unha cidade sen lei para o tráfico é precisamente pola permisividade do Goberno municipal e a Policía Local». «Hai actitudes e comportamentos que se dan nesta cidade que non se dan noutras, como ver os coches aparcados nas beirarrúas ou en dobre fila, e iso prodúcese porque non se sancionan esas infraccións, malia supoñer un risco evidente de seguridade para os peóns», afirma Jesús Expósito, que culpa á alcaldesa de ter chegado a esta situación «pola súa inacción».

Ciudadanos afirma tamén que «ver o coche oficial da alcaldesa aparcado na Praza Maior en plena zona peonil ou nunha praza reservada para discapacitados fronte á Casa das Linguas, como vimos recentemente, non é desde logo o mellor exemplo para pedirlle aos cidadáns que aparquen ben e cumpran as normas», argumenta Jesús Expósito.

O concelleiro de Ciudadanos tamén lembra que «o Goberno municipal non puxo nin unha soa sanción en todo o ano 2016 por excrementos de cans na vía pública, malia ser un dos principais problemas dos que se queixan os cidadáns no buzón de queixas do Concello».