Olga Louzao lembra que o incremento na taxa pola instalación de terrazas efectuado no ano 2016, está baseado no mesmo estudo económico erróneo que ben de ser rexeitado polo alto tribunal galego, polo que podería ser declarada tamén ilegal

Ciudadanos critica que o Goberno municipal non aproveitara a revisión das ordenanzas fiscais efectuada nos dous últimos exercicios para “modificar esta ordenanza en concreto e correxir os erros que contén”

 

Lugo, 9 de febreiro de 2017. A voceira de Ciudadanos, Olga Louzao, alerta de que algunhas das taxas que ten en vigor o Concello de Lugo poderían ser ilegais ao non contar algunhas delas con estudo económico previo á súa aprobación ou estar, noutros casos, baseado este estudo nos mesmos criterios erróneos que contén a modificación efectuada no ano 2015 da ordenanza número 152, que regula a ocupación de solo, voo e subsolo da vía pública. Algúns apartados desta norma municipal, concretamente os que regulan a instalación de andamios e grúas de obra na vía pública, veñen de ser anulados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A voceira de Ciudadanos tamén reprocha ao Goberno local que non aproveitara a revisión das Ordenanzas Fiscais Municipais realizada nos últimos dous exercicios para “modificar esta ordenanza en concreto, agora anulada, e correxir os erros detectados”. “A concelleira de Economía sabía que os cálculos nos que estaba baseada estaban mal feitos e sen embargo non os correxiu. Agora haberá que facelo como consecuencia dunha sentenza xudicial, pero non será posible facelo até o ano que ven, así que o Concello de Lugo queda sen ordenanza en vigor este ano e non poderá cobrar esta taxa”, explica Olga Louzao.

A anulación destas taxas suporía unha importante merma económica para o Concello, que prevía nos Orzamentos Municipais de 2016 uns ingresos de 1,3 millóns de euros por ocupación de subsolo, solo e voo e 100.000 euros por instalación de andamios e contedores de obra. Ademais desta perda de ingresos, o Concello de Lugo podería verse obrigado a devolver o cobrado indebidamente nestes anos ao ter aplicado para o cobro unha Ordenanza declarada ilegal.

O Concello non chegou a cobrar a taxa por terrazas de 2016

Olga Louzao explica que está no mesmo caso o incremento na taxa pola instalación de terrazas, que foi duplicada no ano 2016 en base a un estudo económico que ten en conta o valor catastral dos establecementos e non o valor de uso, e que contou coa oposición da asociación Lugo Monumental, que engloba a unha parte importante dos hostaleiros do casco histórico. A voceira de Ciudadanos explica que “contén os mesmos erros que a taxa anulada polo TSXG, polo que tamén podería ser declarada ilegal”.

Ciudadanos revela ademais que “o Goberno municipal non debía confiar moito na legalidade dalgunha das taxas, como a das terrazas, que subiu o pasado ano con incrementos que duplicaban a cuantía a pagar en moitos casos, porque nin sequera a pasou ao cobro en 2016”. “Supoñemos que para non ter que devolver o cobrado”, argumenta Olga Louzao, que explica que a previsión de ingresos en 2016 por terrazas era de 130.000 euros.