Jesús Expósito explica que hai ANPAs que xa mostraron o luns á alcaldesa e ao concelleiro de Educación o rexeitamento á proposta feita polo Goberno municipal
Ciudadanos propón ao Concello que dote de desfibriladores a todos os centros educativos públicos da cidade
Lugo, 27 de xaneiro de 2017. O Grupo municipal de Ciudadanos apoia a creación de itinerarios escolares seguros, pero considera “temeraria” a proposta do Goberno municipal de que sexan pais e nais voluntarios os que se encarguen de regular o tráfico e vixiar a seguridade viaria no entorno dos centros educativos á hora da entrada e saída dos colexios e pide que esta labor sexa realizada pola Policía Local.
O concelleiro de Ciudadanos Jesús Expósito considera que “para iso está a Policía Local” e pídelle ao Goberno municipal e ao concelleiro de Educación, Manuel Núñez “que asuma as súas obrigas e non trate de trasladar a responsabilidade ás ANPAs, como fixo cos comedores escolares”. “En caso de que haxa un accidente ou un atropelo, quen se vai facer responsable”, pregunta Expósito, que tamén cuestiona “a atribución legal que terán os voluntarios para facer tarefas reservadas a policías municipais como é o control do tráfico” e a “autoridade” que van ter para facerse respectar polos condutores e viandantes.
A alcaldesa Lara Méndez e o concelleiro de Educación reuníronse este luns coas ANPAs dos colexios da cidade, ás que lles propuxeron asinar un convenio de colaboración segundo o cal serían as ANPAs as encargadas da vixilancia das entradas e saídas dos colexios, mentres o Concello se comprometeu a impartir un cursiño para aqueles pais e nais voluntarios e a facilitarlles chalecos, chifres e sinais.
Jesús Expósito, que forma parte do Consello Escolar do colexio Illa Verde, que se reuniu este martes, explica que “hai ANPAs, como é o caso da do colexio Illa Verde, que xa mostraron á alcaldesa e ao concelleiro de Educación na reunión celebrada o luns o seu rexeitamento a esta proposta e a súa indignación polas palabras de Manuel Núñez, que mesmo chegou a suxerir aos pais e nais que, aqueles que teñen coche, podían traer os chalecos reflectantes que é obrigatorio levar nos vehículos, o que aos presentes lles resultou, cando menos, chocante”.
Dotar de desfibriladores a todos os colexios de Lugo
Ciudadanos tamén lle propón ao Goberno municipal que dote de desfibriladores a todos os centros escolares públicos da cidade mediante un concurso no que se inclúa o mantemento destes aparellos e os cursos de formación necesarios entre o profesorado e o persoal dos centros para que saiban como usalo. Jesús Expósito considera que se trata dunha medida “preventiva” que “nun momento dado pode salvar unha vida, tanto a dun alumno ou alumna como a dun docente” e lembra que “igual que existen en moitos pavillóns ou instalacións deportivas, nos centros educativos tamén se realiza actividade física por parte dos nenos e nenas”.
O concelleiro de Ciudadanos explica que o seu custo ronda os 800 euros por aparato e que “hai centros, como é o caso do Illa Verde, que están mirando de adquirilo eles porque o Concello non llelo facilita”.
“O Concello leva dous anos sen gastar un peso en colexios como o Illa Verde”
Jesús Expósito tamén contestou ás declaracións de Manuel Núñez, nas que defendía os moitos investimentos feitos polo Goberno municipal nos colexios públicos da cidade. O concelleiro de Ciudadanos puxo o exemplo do Illa Verde, “onde o Concello leva dous anos sin gastar un peso”. “O curso pasado o colexio tivo que pagar do seu peto, con cargo aos seus orzamentos, que deberían ir destinados a material para a mellora educativa e non para obras, o mantemento nas aulas de educación infantil, onde se cambiou chan de corcho e se pintaron as paredes da aula, por un importe de 6.700 euros que tivo que pagar o propio centro educativo cando é obriga do Concello facelo”, denunciou o concelleiro de Ciudadanos, que pediu ao responsable de Educación «que non trate de escurrir o bulto botándolle a culpa á Xunta de Galicia, a quen competen unicamente aquelas actuacións que precisan de licenza de obra maior». «O Concello cortou as árbores que había no patio do Illa verde, supoño que porque era responsabilidade súa, pero deixou os tocos e as raíces, que supoñen un perigo para os cativos e cativas que a diario xogan no patio; supoño que retirar os tocos e as raíces non requerirá de licenza de obra maior», ironizou Expósito.
O Concello xa ten autorización da Xunta para asumir os comedores escolares
Jesús Expósito tamén explicou que os representantes do Goberno local explicaron o luns na xuntanza coas ANPAs que o Concello xa conta con autorización da Xunta para asumir a xestión dos comedores escolares, polo que «agora só depende do Concello», afirma Expósito. Ciudadanos pídelle ao equipo de Lara Méndez que axilice os trámites administrativos e saque a concurso «de inmediato» o servizo de comedor nos centros públicos da cidade, que neste momento se viron obrigadas a asumir as ANPAs ao ser prestado «por unha empresa sen ningún tipo de contrato e co beneprácido dos Gobernos de Orozco e Lara Méndez». Jesús Expósito di que «se o Goberno non se apura acabará o curso e os comedores seguirán sendo responsabilidade das ANPAs»
Ciudadanos pedirá incrementar a partida para mantemento dos colexios nos Orzamentos
Ciudadanos pedirá que nos Orzamentos municipais deste ano 2017 se incremente a partida destinada a subsanar todas as deficiencias existentes nos colexios públicos da cidade, xa que considera que os 100.000 euros dos actuais orzamentos son «claramente insuficientes». O propio Manuel Núñez veu a darnos a razón cando informou de que ademais dos 100.000 euros orzamentados e gastados no mes de setembro, o Concello tivo que investir outros 37.500 euros en reparacións ao longo do curso e ten previsto destinar outros 86.000 a partir do mes de febreiro. «Se tivo que gastar 223.500 euros é evidente que os 100.000 orzamentados eran insuficientes», aseverou Jesús Expósito.
“Moitas destas deficiencias perduran desde hai anos”, denuncia o concelleiro de Ciudadanos Jesús Expósito, que explica que “os centros escolares que peor estado presentan son os que se atopan na periferia, como o da Ponte, o de Casás ou o propio Illa Verde, e nos que é necesario acometer reformas e mellorar o mantemento”. O concelleiro de Ciudadanos esixe ao concelleiro responsable da area de Educación, Manuel Núñez, “que faga un Orzamentos participativos con estes fondos reuníndose cos directores dos colexios e coas ANPAs para facer un listado de necesidades e unha programación para a súa resolución”. Entre outras deficiencias en centros públicos da cidade Jesús Expósito cita o «patio destartalado, cheo de fochancas e grava solta, do colexio da Ponte» ou «a zona de xogos infantís de area do colexio da Anexa e que non cumpre coa normativa en materia de xogos infantís».