Afirma que “non é de recibo que os 96.000 habitantes de Lugo teñan que pagar as indemnizacións derivadas dunha mala praxe política cometida, entre outros, por Orozco, Besteiro e Liñares”
Jesús Expósito considera que estas sentenzas do TSXG que anulan aurbanización da parcela e a construción dos edificios do Garañón “poden derivar no pago de indemnizacións millonarias por parte do Concello de Lugo e hipotecar a economía municipal durante décadas”
Lugo, 12 de xaneiro de 2017. O grupo municipal de Ciudadanos (C’s) anunciou esta mañá que estuda reclamar a “responsabilidade patrimonial” dos políticos que concederon a licenza para construír nas Costas do Parque en caso de que o Concello teña que facer fronte a “indemnizacións millonarias” como consecuencia das sentenzas do TSXG que declaran nula tanto a aprobación do proxecto de urbanización da Unidade de Actuación CS5 como a concesión da licenza para a construción na parcela dos coñecidos como os edificios do Garañón.
O concelleiro de Ciudadanos (C’s) Jesús Expósito considera que “estas sentenzas poden derivar no pago de indemnizacións millonarias por parte do Concello de Lugo e hipotecar a economía municipal durante décadas”. “Polo tanto –avanzou o concelleiro de Ciudadanos (C’s) – se estas indemnizacións se producen estudaremos a posibilidade de solicitar a responsabilidade patrimonial dos que coa súa actuación provocaron estes prexuizos ás arcas públicas”, anunciou. Ciudadanos (C’s) considera que “non é de recibo que os 96.000 habitantes de Lugo teñan que facer fronte economicamente ás consecuencias derivadas dunha mala praxe dos políticos que concederon esas licenzas, entre outros Orozco, Besteiro e Liñares”, argumentou esta mañá Jesús Expósito.
Ciudadanos (C’s) quere que Lara Méndez, aclare se ten pensado acatar estas sentenzas ou, pola contra, recurrilas, así como o alcance das indemnizacións ás que habería que facer fronte e repróchalle á alcaldesa socialista que non o fixese na Xunta de Voceiros celebrada esta mañá sobre este asunto.
Ciudadanos (C’s) non é partidario de “recurrir por recurrir”
O grupo municipal de Ciudadanos (C’s) considera que “só se deben recurrir estas sentenzas ante o Tribunal Supremo se existen fundamentos xurídicos que avalen esta decisión”, En ningún caso, indica Jesús Expósito, como unha “estratexia política da actual alcaldesa para escurrir o bulto e chegar ao final do mandato sen afrontar o problema e darlle unha solución porque o único que xeraría con esa decisión é máis gasto, ao incrementar a indemnización a pagar, ademais de manter o adefesio da actual estrutura do edificio sen rematar”. Ciudadanos (C’s) espera que Lara Méndez “non pretenda escapar do problema” e lembra que “foi xerado polo seu partido, no que seguen militando o señor Orozco e o señor Besteiro, que adoptaron decisións cando menos discutibles e das que ela en ningún momento renegou”.
Unha tripla responsabilidade
Os políticos, en tanto que xestores públicos e representantes da cidadanía, están sometidos, no exercicio dos seus cargos, a unha tripla responsabilidade: penal, política e patrimonial. Mediante a responsabilidade penal, o político responde ante a xustiza pola súa conduta delituosa, asumindo, no seu caso, as penas que correspondan ao delito que cometese. A través da responsabilidade política, o político responde ante o seu partido, ante a institución pública á que pertence e ante os cidadáns que o votaron, pola ilícita actuación na súa xestión, xa sexa esta culpable ou meramente neglixente, e faio, nalgúns casos, mediante a simple dimisión do cargo que ostenta.
Pero existe outra responsabilidade, que é a responsabilidade patrimonial. Consiste na obriga que ten o xestor público de responder, a título individual, ante a institución que representa (Concello, Comunidade, Goberno central, etc), indemnizándoa co seu patrimonio persoal, cando no exercicio do seu cargo a prexudique economicamente.
A Lei 30/1992 de Réxime Xurídico das Administracións Públicas establece no artigo 145 que a Administración pode instruír un procedemento de esixencia de responsabilidade patrimonial persoal “ás autoridades e demais persoal ao seu servizo polos danos ou prexuízos causados nos seus bens ou dereitos cando concorrese dolo, culpa ou neglixencia grave”, indicándose no artigo 145.2 que unha vez satisfeita por parte da Administración a indemnización que proceda, esta esixirá “de oficio” o seu reintegro ás autoridades ou funcionarios causantes, previa instrución do procedemento que regulamentariamente se estableza e que debería ser aprobado polo Pleno.
Tamén a Lei Orgánica do Tribunal de Contas dispón, no seu artigo 38, que o político que por acción ou omisión contraria á Lei orixine o menoscabo dos caudais ou efectos públicos, quedará obrigado á indemnización dos danos e prexuízos causados.