Olga Louzao propón tamén que os establecementos comerciais poidan reservar unha praza de estacionamento diante dos seus negocios destinada a que aparquen os seus clientes

Ciudadanos (C’s) propón tamén que a tarxeta cidadá sexa gratuíta, que se bonifique a taxa por licenzas das obras que melloren a eficiencia enerxética das vivendas, que se inclúan as familias monoparentais na bonificación para as escolas infantís e que se aplique un criterio de renda ás familias numerosas

 

Lugo, 10 de xaneiro de 2017. A voceira de Ciudadanos (C’s) no Concello de Lugo, Olga Louzao, propuxo esta mañá unha serie de modificacións na fiscalidade municipal de cara á xuntanza convocada para mañá entre o Goberno municipal e os distintos grupos políticos para abordar posibles cambios nas Ordenanzas Fiscais de 2018. Louzao considera “prioritario” establecer unha fiscalidade municipal “máis xusta e progresiva sen que se produza unha merma de ingresos por parte do Concello para poder manter o nivel de servizos que presta e mesmo poder incrementalos”. Neste sentido, Ciudadanos (C’s) considera que “hai que empezar por actualizar o rueiro fiscal, revisando a categoría tributaria na que están encadradas as distintas rúas da cidade, unha tarefa que o Goberno municipal non foi capaz de acometer este ano”.

Do mesmo xeito, Ciudadanos (C’s) considera que é necesario actuar sobre o Imposto de Bens Inmobles, que supón “a auténtica columna vertebral da recadación municipal, ao supoñer o IBI uns ingresos de 22 millóns de euros anuais para o Concello, o que representa unha cuarta parte do Orzamento municipal”. Ciudadanos (C’s) propón “unha reforma en profundidade deste imposto para que as familias paguen menos pola súa vivenda e, sen embargo, aporten máis as segundas vivendas e os pisos baleiros”. Olga Louzao explica que o actual gravame fixado polo Concello de Lugo sitúase no 0,67% do valor catastral da vivenda cando a Ley de Haciendas Locales permite establecelo entre o 0,4% e o 1,1% polo que “hai marxe de manobra para acometer esta reforma”, afirma a voceira de Ciudadanos (C’s), que propón tres cuotas diferenciadas para a primeira vivenda e as sucesivas en función de se estas están alugadas ou baleiras. “Non é xusto nin lóxico que pague o mesmo unha familia que só posúe unha vivenda, que é na que vive, que as persoas que teñen dous ou máis inmobles”, xustifica Olga Louzao.

Outra das novidades que proporá mañá Ciudadanos (C’s) ao Goberno municipal son medidas fiscais para fomentar a creación de emprego no municipio. Neste sentido, Ciudadanos (C’s) propón bonificar nos principais impostos municipais (IBI, IAE, ICIO e Plusvalías) a aquelas empresas que incrementen a súa plantilla con contratación de novos traballadores. A bonificación sería do 5% por cada novo traballador até un máximo do 25%. Do mesmo xeito, Ciudadanos (C’s) tamén propón exencións ao pago de plusvalías no caso de transmisión de negocios familiares cando o sucesor sexa un sucesor directo.

Reserva de estacionamento para negocios

Olga Louzao tamén fai unha proposta novidosa destinada a favorecer a actividade comercial na cidade. Consiste na posibilidade de que, previo pago dunha taxa, os establecimentos comerciais poidan reservar diante do seu negocio un estacionamento destinado a que poidan aparcar os seus clientes para facilitar así as compras. O importe desta taxa variaría en función de onde estivese ubicado o establecimento dependendo da categoría fiscal da rúa onde se atope.

Ciudadanos (C’s) é partidario tamén de incrementar as cuantías que pagan os caixeiros automáticos por aproveitamento da vía pública e de facelo en función da categoría da rúa na que se atopen. Do mesmo xeito, Ciudadanos (C’s) propón a gratuidade da tarxeta cidadá, que actualmente custa 3 euros, como medida para facilitar que toda a cidadanía poida dispór desta tarxeta e potenciar deste xeito o uso do transporte público. Ciudadanos (C’s) tamén quere que se inclúa ás familias monoparentais na bonificación xa existente do 20% que se aplica ás familias numerosas que levan os seus nenos ou nenas ás escolas infantís municipais e que se teñan en conta os ingresos da unidade familiar.

Equilibrar servizos deficitarios

Olga Louzao tamén fará fincapé mañá na reunión negociadora cos demais grupos municipais na necesidade de “adoptar medidas para ir equilibrando paulatinamente o déficit que producen nas arcas municipais servizos como o da auga ou o do guindastre”. No caso da taxa por retirada de vehículos da vía pública, Ciudadanos (C’s) propón subila ao atoparse por debaixo do que se cobra noutras cidades galegas tendo en conta ademais que “na totalidade dos casos o seu cobro débese ao incumprimento da normativa de estacionamento”. O guindastre é un servizo claramente deficitario que custa ás arcas municipais 500.000 euros ao ano mentras só ingresa un 10% desa cantidade, en torno a 50.000 euros, e para o que hai un acordo plenario para a súa municipalización, dado que neste momento está a ser prestado por parte dunha empresa sen contrato.

No caso do servizo de abastecemento de auga potable, e malia que a lexislación comunitaria establece especificamente que este servizo debe ser sostible económicamente, así como a obrigatoriedade de trasladar ao recibo o custo da execución de novas infraestruturas, é absolutamente deficitario para o Concello de Lugo, que gasta 6,1 millóns de euros anuais en prestar este servizo básico tanto aos domicilios como ás distintas empresas radicadas no municipio mentras que só ingresa 3,9 millóns en concepto de recadación por recibos. O déficit do servizo ronda polo tanto o 36%. Outro tanto pasa co servizo de saneamento e depuración de augas residuais, que ten un custo de 3,6 millóns de euros ao ano mentras que os ingresos só supoñen 2,1 millóns.

Por iso, Olga Louzao considera “irresponsable” ter mantido conxeladas estas taxas durante os últimos catro anos, os dous últimos de Orozco como alcalde e os dous primeiros de Lara Méndez, sen lles ter aplicado nin sequera o incremento do IPC, “posto que o desequilibrio increméntase ano a ano tendo que ser sufragado vía orzamento municipal dun xeito moito menos equitativo porque non ten en conta o criterio de que quen máis consume máis paga”, indica.

Bonificacións nas obras de eficiencia enerxética en vivendas

Ciudadanos (C’s) tamén propón bonificar a taxa por licenzas daquelas obras que inclúan unha mellora na eficiencia enerxética das vivendas, como a que xa existe para a mellora estética das fachadas ou as obras de accesibilidade, e ampliar a bonificación existente para a rehabilitación de vivendas no casco histórico a aqueles inmobles que se atopen fóra da zona Pepri que sexan edificios históricos cunha antigüidade superior a 100 anos. Do mesmo xeito, Olga Louzao propón un desconto do 25% nas licenzas de primeira ocupación cando se produza un retraso na súa concesión de máis de tres meses sobre o prazo legalmente establecido, posto que “supón un prexuizo claro para o solicitante por unha demora achacable ao mal funcionamento do Concello”.

Finalmente, Olga Louzao afirma que as propostas que fai Ciudadanos (C’s) “fomentan a creación de emprego e a actividade comercial, son sustentables para a economía municipal e beneficiosas para a cidadanía”.