A voceira de Ciudadanos di que o seu grupo “non ten reparo algún a falar cos demais partidos, sexan de dereitas ou de esquerdas, con tal de que as cousas en Lugo cambien. Pero parece que Jaime Castiñeira quere marchar e dálle pereza todo isto”, repróchalle.
Lugo, 27 de decembro de 2016. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, considerou esta mañá “moi triste que o principal grupo da oposición se dea por satisfeito coa actual situación de parálise absoluta do Concello de Lugo e non trate de buscar fórmulas alternativas ao actual Goberno socialista en minoría”.
Olga Louzao resposta a Jaime Castiñeira que “de pouco vale estarse queixando todos os días do mal que o fai este Goberno pero despois, á hora da verdade, non dar ningún paso á fronte e permitirlle seguir así até final de mandato”. “Esa é a mesma actitude conformista que mostran tamén Lugonovo e o Bloque e á que se suma agora o Partido Popular”, afirma a voceira de Ciudadanos, que di que o seu grupo “non se resigna a que Lugo perda outros dous anos máis”.
Olga Louzao afirma ademais que “a actitude do Partido Popular non está á altura do que esperan os 15.000 votantes que esta formación tivo en Lugo nas pasadas eleccións municipais, que agardan do seu grupo valentía” e considera que o actual voceiro do PP, Jaime Castiñeira, “está de despedida, máis preocupado por acabar o ano e marchar para Santiago que por poñerlle remedio aos problemas da cidade de Lugo”.
“O PP confirma que non está en disposición de asumir este reto”
A voceira de Ciudadanos no Concello afirma que “correspondería ao Partido Popular, que foi a forza máis votada nas eleccións municipais e a que máis concelleiros ten na Corporación, nove, dar o paso e presentar unha alternativa de Goberno, pero parece que o PP non está en disposición de asumir este reto; agora mesmo terían incluso un problema grave á hora de poñerse de acordo para propoñer un candidato alternativo”.
Por iso, reitera Olga Louzao, “se a alcaldesa non é capaz de sacar adiante os Orzamentos do vindeiro ano quedará en evidencia a absoluta minoría deste Goberno e a súa incapacidade para chegar ao final do mandato, polo que haberá que buscar unha solución ao desgoberno deste Concello”, xustificou. Se isto ocorre, avanzou, Ciudadanos iniciará contactos co resto de grupos da Corporación para buscar “o consenso necesario para un Goberno alternativo”.
Máis de 150 iniciativas de todas as cores políticas aprobadas no que vai de mandato
Olga Louzao afirmou ademais que “Ciudadanos non ten reparo algún a falar co resto de grupos da Corporación, sexan de dereitas ou de esquerdas, cando o interese da cidade de Lugo e dos seus habitantes está en xogo” e pon como exemplo as máis de 150 iniciativas de distinta cor política que van aprobadas no Pleno desde que comezou este mandato, hai ano e medio. “Hai cuestións importantes para a cidade que están por enriba da ideoloxía e nas que todos os grupos estamos de acordo, pero parece que Jaime Castiñeira quere marchar e dálle pereza todo isto”, critica a voceira de Ciudadanos.
“Todos os grupos municipais, mesmo os que fixeron alcaldesa á señora Lara Méndez, coincidimos a semana pasada no Pleno do estado do Concello en que este Goberno é nefasto e que non hai visos de que a situación vaia cambiar”, argumentou Olga Louzao. “Pois só hai dúas posibilidades –dixo– ou seguir na inoperancia até o final do mandato ou poñerlle remedio”, afirma a voceira de Ciudadanos, que quixo “desdramatizar” sobre o feito de ter que presentar unha moción de censura. “A moción de censura non é nada tráxico, simplemente é unha ferramenta legal prevista precisamente para casos coma este, para cambiar un Goberno que leva dous anos absolutamente perdidos”, afirmou Olga Louzao, que tamén defendeu que “é o momento oportuno, na metade do mandato, porque aínda hai tempo para que un novo Goberno reconduza o rumbo do Concello e non se perdan outros dous anos máis”. “Ciudadanos ten só dous concelleiros e non ten capacidade legal de presentar unha moción de censura, pero si de propoñela, e parece que hai outros grupos aos que lles dá medo”, criticou.