img_1267_opt

O Concello acaba de remitir a Patrimonio un novo estudo de detalle que non contempla esta solución   

 

A alcaldesa revela que se celebraron 5 reunións coa Xunta para desbloquear este proxecto, tres delas coa presenza do promotor    

 

Lugo, 26 de decembro de 2016. Ciudadanos propón retranquear a futura edificación da esquina de San Roque coa Ronda da Muralla de maneira que sexa posible dar saída ao tráfico que circula por San Roque cara a Montero Ríos e o Carril das Flores sen ter que pasar pola Ronda da Muralla. Esta solución permitiría a futura peonalización da Ronda, defende o grupo que lidera Olga Louzao.

 

O grupo municipal de Ciudadanos preguntou o pasado venres ao Goberno local na Comisión de Urbanismo polo estado no que se atopa o estudo de detalle para o desenvolvemento urbanístico do solar situado na Ronda da Muralla entre San Roque e Montero Ríos e se houbo algún avance no desenvolvemento urbanístico desta unidade de actuación. Ciudadanos preguntou tamén pola subsanación das deficiencias e modificacións solicitadas pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia por atoparse este lugar fronte á Muralla e en pleno Camiño Primitivo. O concelleiro de Urbanismo, Daniel Piñeiro, explicou na comisión que o Concello remitiu a semana pasada a Patrimonio un modificado do proxecto inicial, que fora rexeitado por Patrimonio ao non autorizar os soportais previstos na edificación, similares aos existentes no edificio contiguo, onde se atopa o Carrefour, e reclamar tamén unha fachada partida ao estilo dos edificios existentes nese entorno.

 

Ciudadanos preguntaba tamén na súa iniciativa se o Goberno local “ten algunha previsión de prazos para a urbanización desta zona” e se “está a levar a cabo algún tipo de xestión tendente a axilizar este proceso”. A propia alcaldesa aclarou o xoves pasado, no Pleno do estado do Concello, que se celebraron 5 reunións coa Xunta de Galicia por este asunto, dúas entre Concello e Xunta e nas tres últimas xa coa participación do promotor propietario do solar.

 

Ciudadanos pide “que se axilicen os trámites para dar unha solución a esta zona a curto prazo” e defende que o proxecto definitivo contemple o retranqueo da edificación, de xeito que, por un lado, se separe o máis posible da Muralla e, por outro, “permita dar saída ao tráfico de San Roque cara a Montero Ríos e o Carril das Flores sen usar a Ronda da Muralla, de maneira que sexa factible nun futuro a súa peonalización”. O grupo de Olga Louzao considera que se non se contempla esta solución “estarase inviabilizando a futura peonalización deste tramo da Ronda”.

 

A pasarela metálica provisional cumpre 25 anos instalada nese lugar

 

En relación á actual pasarela metálica, Ciudadanos preguntou ao Goberno “que perspectivas hai a curto prazo de dar unha solución definitiva a esta pasarela, que foi construída con carácter provisional sendo alcalde Tomás Notario e cumpre xa 25 anos instalada neste lugar”. Tamén preguntou Ciudadanos se considera o Goberno municipal que este paso cumpre coas condicións de seguridade necesarias e se prevé o Executivo socialista a adopción dalgunha medida adicional ao simple sementado de sal os días de xeada para evitar o seu habitual estado esvaradío. Do mesmo xeito, o grupo de Olga Louzao preguntou ao Goberno “se considera seguro para os peóns o enlace entre a pasarela metálica e a beirarrúa da rúa San Roque tendo en conta que é necesario cruzar a calzada no entronque do Carril das Flores sen ningún tipo de elemento de seguridade que separe aos viandantes da zona reservada aos vehículos e a inexistencia de ningún tipo de sinalización que indique a prioridade dos peóns no seu cruzamento cos vehículos”, igual que ocorre coa circulación de peóns polo Carril das Flores, “estando obrigados a transitar polo mesmo espazo usado polos vehículos”.

 

Daniel Piñeiro afirmou ser consciente da perigosidade deste paso, un dos máis transitados da cidade, pero dixo que o Goberno non ten previsto adoptar ningunha medida adicional entanto non se produce o desenvolvemento urbanístico da unidade de actuación na que está emprazada esta pasarela para buscar deste xeito unha solución arquitectónica definitiva a este entorno que permita a urbanización da zona e a eliminación deste paso.

 

A grúa metálica: chatarra ou resto arqueolóxico?

 

Finalmente, Ciudadanos preguntaba tamén na súa iniciativa “que medidas adoptou o Concello de Lugo para garantir a salubridade do solar afectado por esta unidade de actuación e se a grúa metálica depositada nel conta con autorización municipal ou, do contrario, solicitou a súa retirada”, dada a situación de “insalubridade e mala imaxe” que produce este predio a carón da Muralla. Daniel Piñeiro indicou que o Concello cursou unha orde de retirada deste guindastre metálico e Ciudadanos ironiza con que “debido ao tempo tanscorrido, estes restos metálicos pasaron de ser simple chatarra a ter a consideración de resto arqueolóxico ao pé da Muralla e do Camiño Primitivo”.