Olga Louzao afirma que “están en xogo 4 millóns de euros de subvención europea destinados á rehabilitación deste edificio”, que se perderán se o centro cultural non está en funcionamento antes do 31 de marzo    

O Goberno municipal deberá rescindir o contrato coa empresa Terrauga Proyectos y Obras SL encargada de executar parte dos traballos pendentes por importe de 84.618 euros por non cumprir o contrato e o prazo establecido  

Lugo, 19 de decembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos deu a coñecer hoxe “novos problemas engadidos” na obra do Vello Cárcere e alerta do risco de que se perdan 4 millóns de euros de fondos europeos do Plan Urban se o edificio que albergará o novo centro cultural non está en funcionamento o vindeiro 31 de marzo.

A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, explica que o Goberno municipal verase obrigado a rescindir o contrato dunha das empresas adxudicatarias das obras pendentes, en concreto Terrauga Proyectos y Obras SL, á que se lle encargou o pasado 24 de agosto dentro das obras pendentes da fase 2 está a colocación dunha plataforma hidráulica, a colocación das varandas de seguridade tanto na terraza como nas zonas interiores da cafetería, así como unha serie de remates na cornixa. O contrato para a realización destes traballos, por importe de 84.618 euros, foi asinado o 7 de outubro e o prazo de execución remataba o día 8 de decembro, pero unha parte das obras aínda non comezaron porque a empresa solicitou un modificado do proxecto de instalación do montacargas para o escenario que implicaba un sobrecusto e unha ampliación dos prazos que os técnicos municipais do servizo de Arquitectura non aceptaron por considerar inxustificado.

Olga Louzao advertiu de que “a Unión Europea fixa como prazo límite para que o edificio do vello cárcere estea operativo o vindeiro 31 de marzo e os tempos bótanse enriba porque aínda faltan por executar obras pendentes tanto da primeira como da segunda fase do proxecto”, indicou. Dentro da fase 1 faltan por colocar as ventás do tambor das celdas de reclusos masculinos, o conxunto das varandas das celdas de mulleres e unha serie de portas interiores. Estas obras teñen un orzamento de 60.000 euros e aínda non foron contratadas. Dentro da fase 2, ao rescindir o contrato con Terrauga estes traballos terían que volver a sacarse a concurso, sen practicamente tempo material para executalos. Falta tamén o mobiliario, por importe de 41.000 euros, que tamén está en fase de tramitación administrativa.

A voceira de Ciudadanos pide ao Goberno municipal “axilidade e máxima dilixencia nos traballos pendentes para non perder a subvención europea”, de 4 millóns de euros. A obra de rehabilitación do vello cárcere para convertelo en centro cultural está cofinanciada nun 70% con fondos FEDER da Unión Europea, dentro do Plan Urban, e conta cun orzamento total de 5,7 millóns de euros repartidos nas dúas fases nas que consta o proxecto. Olga Louzao acusou ao Goberno municipal socialista de “despreocupación e falta de dilixencia nesta obra durante anos” e advertiu de que “a pasividade e parsimonia deste Goberno pode saír moi cara á cidadanía de Lugo”.

O edificio abrirase sen estar rematado

A obra do Vello Cárcere comezou en febreiro do ano 2012 e desde entón foi un proceso con moitos contratempos, como a entrada en concurso de acredores da empresa adxudicataria, pero tamén “con moitos paróns e retrasos inxustificados, como consta nun recente informe de arquitectura, que di que as obras da fase 1 estiveron paradas no último ano”, explica Olga Louzao. “As obras estiveron paradas o último ano e medio sen xustificación algunha e agora estamos coa auga ao pescozo a piques de rematar o prazo límite”, denunciou a voceira de Ciudadanos.

Pero mesmo conseguindo rematar as obras que faltan antes da data límite do 31 de marzo, Ciudadanos aclara que, “como tamén consta nese informe, o vello cárcere vaise abrir sen estar rematado, pois faltan por facer os baños da planta baixa e quedan sen rehabilitar os torreóns, aos que se lles van poñer unhas portas provisionais para pechalos, ao igual que o espazo onde deberían ir os servizos”. Para estas obras “falta consignación orzamentaria”, indícase no informe de Arquitectura, polo que quedarán pendentes para exercicios económicos vindeiros e terán que executarse con fondos do Orzamento municipal e á marxe do Urban.

“O despropósito do Urban debe servir de escarmento para o Muramiñae e o Lugo Smart”

A voceira de Ciudadanos no Concello afirma que “o Urban e todo o proceso de como se levou a cabo a súa execución, que foi caótica, ten que servir de escarmento e reflexión para os novos proxectos europeos que se van iniciar, como o Muramiñae, dotado con 12,5 millóns de euros (10 millóns de fondos europeos e 2,5 de aportación municipal) ou o Lugo Smart, dotado de 4,1 millóns de euros”, considera Olga Louzao.

Ciudadanos explica que a gran fichaxe de Orozco no ano 2008 para a xestión do Plan Urban de Lugo, Blanca Cañal García, foi apartada mediante decreto o pasado 27 de xullo de 2016 da xestión dos proxectos pendentes no Vello Cárcere. Sen embargo, explica o grupo que dirixe Olga Louzao, a alcaldesa Lara Méndez acaba de prorrogarlle o contrato até marzo, polo que cobra 3.308,78 brutos ao mes, igual que un xefe de servizo. A maiores deste salario de 46.322,92 euros anuais, o Goberno municipal acaba de incluíla no decreto de produtividade de funcionarios do ano 2016 cun dos importes máis elevados, 2.510 euros, algo que non entende o grupo de Ciudadanos.

“A produtividade é un concepto que se paga aos funcionarios por cumprimento de obxectivos no desempeño do seu cargo. Preguntámonos que obxectivos cumpriu esta persoa cando foi apartada da xestión por estarmos a piques de perder os fondos europeos que tiña encomendado xestionar e para o que foi contratada”, pregúntase Olga Louzao.