Ciudadanos propón que se unifique nun único contrato o subministro eléctrico a todas as dependencias municipais o que facilitaría a revisión e xestión das facturas eléctricas
Olga Louzao pide que se saque a concurso público para aproveitar as ofertas das distintas compañías unha vez liberalizado o mercado da enerxía
Lugo, 15 de decembro de 2016. Ciudadanos deu a coñecer esta mañá un estudo encargado por este grupo municipal a unha empresa especializada segundo o cal o Concello de Lugo podería aforrar 2 millóns de euros ao ano na factura eléctrica simplemente renegociando coas distintas compañías distribuidoras a mellor oferta económica para o subministro de luz aos máis de 200 contadores existentes nas distintas dependencias, edificios e instalacións municipais.
A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, explicou que se trata dun aforro “importantísimo” que equivalería a un terzo do gasto actual, xa que o Concello de Lugo paga en torno a 6 millóns de euros ao ano en facturas eléctricas. Este aforro lograríase por medio da optimización da potencia contratada así como mediante a renegociación das tarifas aplicadas actualmente. A modo de exemplo, Ciudadanos explica que só na ETAP, que consume 162.400 euros en enerxía eléctrica ao ano, o aforro sería de 50.000 euros.
Por iso, Ciudadanos pediu esta mañá que se saque a concurso público, mediante un contrato integral, o subministro eléctrico a todas as instalacións e dependencias do Concello de Lugo, que neste momento se presta de maneira parcelada con distintas compañías e con contratos que vulneran en moitos casos os trámites esenciais de contratación por parte das administracións públicas.
A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, lembra que hai un ano foi aprobada no Pleno unha iniciativa de Ciudadanos que pedía “iniciar os trámites para sacar a concurso a subministración de enerxía de todas as instalacións do Concello de Lugo, xa que non se levou a cabo ningún cambio desde a liberalización do sector, o que podería significar un importante aforro na factura eléctrica municipal”.
Un ano despois de aprobarse esta moción “non se fixo nada”, denuncia Olga Louzao, que revela que o Concello segue a contratar a luz con reparos de legalidade do Interventor municipal por saltarse os procedementos de contratación das administracións públicas, como pasou cos contratos realizados coa compañía Gas Natural para dependencias como a estación potabilizadora, a sede da Policía Local ou o MIHL hai agora xustamente un ano.
Están sen pagar todas as facturas eléctricas do ano 2016
O eléctrico é un dos servizos municipais que máis problemas están a ter neste mandato, até o punto de terense producido cortes de luz nalgunhas dependencias municipais por retrasos no pagamento e a revisión das facturas. Neste momento están pendentes de revisión e de aboamento todas as relativas a 2016, o que ten ademais consecuencias no cumprimento dos prazos legais establecidos para o pago a provedores e na capacidade de reinvestimento dos remanentes de crédito de anos anteriores.
Ciudadanos propón que se estude a posibilidade de unificar nun único contrato todo o relativo ao sistema eléctrico, de maneira que se contemple a xestión integral de todo o servizo, incluíndo a renegociación de tarifas, revisión de facturación e mantemento. “Moitas familias nas súas casas estudaron distintas ofertas e mesmo se cambiaron de compañía para tentar reducir a factura da luz, que é un dos principais gastos nos fogares, por iso non entendemos que o Concello de Lugo, que gasta 6 millóns de euros ao ano en luz, non o faga”, argumenta Olga Louzao, que propón destinar o aforro logrado á área de servizos sociais ou a obras necesarias na cidade.
Unificación dos contratos e unha única factura
Ciudadanos pide ademais que se unifique nun único contrato a totalidade do subministro, o que suporía ofertas máis vantaxosas en canto ao prezo ofertado por quilovatio polas distintas compañías, tendo en conta o volume contratado, que ronda os 6 millóns de euros ao ano. No prego de condicións deberían detallarse as características das distintas instalacións, tanto as que precisan de subministro de alta tensión como as dependencias nas que é suficiente subministro convencional en baixa tensión.
Do mesmo xeito, Ciudadanos pide que se integren os distintos consumos nunha única factura, de xeito que se facilite a súa tramitación por parte dos servizos municipais. “Non é o mesmo ter que tramitar 200 facturas de luz cada mes, unha de cada edificio ou instalación municipal, como acontece neste momento, que tramitar unha soa factura”, opina Olga Louzao, aínda que nela se detallen de igual maneira os consumos dos distintos contadores instalados nas distintas dependencias.
O contrato de mantemento do alumeado público, caducado desde xullo de 2013
Aos 6 millóns de euros ao ano que o Concello de Lugo paga en factura da luz, habería que engadir 1.243.000 euros que gasta no mantemento do alumeado público. Este contrato, coa empresa UTE ESYCSA-ETRALUX, está caducado desde o 12 de xullo de 2013. Por iso, Olga Louzao tamén lle pregunta ao Goberno municipal de Lara Méndez por que non saca a concurso novamente este contrato. A voceira de Ciudadanos está convencida de que tamén suporía un importante aforro. No novo prego podería contemplarse a substitución progresiva das actuais luminarias por farolas led que reduzan de xeito considerable o consumo.