Olga Louzao explica que outros concellos galegos como o de Chantada ou o de Bueu xa instalaron este tipo de luminarias, que supoñen un importante aforro
Ciudadanos considera que a iluminación do Paseo do Rato, actualmente en fase de licitación, sería un lugar idóneo para este novo sistema e permitiría reducir á metade o custo da obra
Lugo, 2 de novembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos propón ao Goberno municipal socialista que se estude a instalación de farolas solares led nas novas instalacións de alumeado público municipal que se acometan. Este tipo de tecnoloxía, de última xeración, permiten unha redución importante dos custos de instalación, xa que cada luminaria funciona como un elemento autónomo independente, de maneira que non precisan estar conectadas á rede eléctrica, polo que non precisan de cableado. Do mesmo xeito, evitan que haxa que realizar gavias. Unha vez instaladas, estas farolas non consumen electricidade, xa que son autoxeradoras.
Os concelleiros de Ciudadanos, Olga Louzao e Xesús Expósito, puideron comprobar esta mañá o funcionamento dunha destas luminarias na oficina que Ciudadanos ten na Casa do Concello. Trátase dunha da marca Artesolar, fabricada en Toledo e distribuída por unha empresa de Lugo. Este modelo, un dos máis modernos que existe no mercado ten unha capacidade de iluminación de entre 10 e 12 horas con tan só 5 horas de carga mediante claridade solar, polo que recarga igual aínda que non faga sol. Conta ademais con detector de presenza e reduce un 30% a cantidade de luz que emite cando non hai tránsito de persoas ou vehículos.
Este tipo de farolas, que xa están instaladas noutros concellos galegos como Chantada ou Bueu, así como en moitas outras cidades do Estado español, como Madrid ou Albacete, permiten eliminar unha boa parte do gasto en enerxía eléctrica dos municipios, o que se corresponde coa iluminación pública urbana.
A voceira de Ciudadanos no Concello, Olga Louzao, pide ao Goberno municipal socialista que probe este tipo de tecnoloxía nas novas instalacións de alumeado público que se acometan. Afirma que deste xeito podería reducirse á metade o custo destas novas instalacións, ao mesmo tempo que se evitan novas facturas eléctricas. Pon como exemplo a iluminación do Paseo do Rato, que vai acometer a Deputación de Lugo por importe de 1,4 millóns de euros e cuxa obra está en fase de licitación. «Con este sistema, ademais de ser moito máis acorde ao entorno natural do Rato por tratarse de enerxía limpa, reduciríase practicamente á metade o custo da obra, ao aforrar todo cableado e a obra correspondente ao seu soterramento», explica Olga Louzao. Ademais, o Concello de Lugo, que será segundo o convenio asinado coa Deputación o encargado de pagar os consumos eléctricos, aforraríase a totalidade deste custo, indicou.
Sacar a concurso a electricidade consumida anualmente polo Concello
Ciudadanos pide tamén que se saque a concurso público o subministro eléctrico a todas as instalacións e dependencias do Concello de Lugo, que neste momento se presta de maneira parcelada con distintas compañías con contratos que vulneran en moitos casos os trámites esenciais de contratación por parte das administracións públicas.
A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, lembra que hai un ano foi aprobada no Pleno unha iniciativa de Ciudadanos que pedía “iniciar os trámites para sacar a concurso a subministración de enerxía de todas as instalacións do Concello de Lugo, xa que non se levou a cabo ningún cambio desde a liberalización do sector, o que podería significar un importante aforro na factura eléctrica municipal”.
Un ano despois de aprobarse esta moción “non se fixo nada”, denuncia Olga Louzao, que revela que o Concello segue a contratar a luz con reparos de legalidade do Interventor municipal por saltarse os procedementos de contratación das administracións públicas, como pasou cos contratos realizados coa compañía Gas Natural para dependencias como a estación potabilizadora, a sede da Policía Local ou o MIHL.
Unificación dos contratos e unha única factura mensual
Ciudadanos pide que se unifique nun único contrato a totalidade do subministro, o que suporía ofertas máis vantaxosas en canto ao prezo ofertado por quilovatio polas distintas compañías, tendo en conta o volume contratado, que ronda os 6 millóns de euros ao ano. No prego de condicións deberían detallarse as características das distintas instalacións, podendo facer dous lotes, un para as que precisan de subministro de alta tensión e outro para as dependencias nas que é suficiente subministro convencional en baixa tensión.
Do mesmo xeito, Ciudadanos pide que se integren os distintos consumos nunha única factura, de xeito que se facilite a súa tramitación por parte dos servizos municipais. “Non é o mesmo ter que tramitar 200 facturas de luz cada mes, unha de cada edificio ou instalación municipal, como acontece neste momento, que tramitar unha soa factura”, opina Olga Louzao, aínda que nela se detallen de igual maneira os consumos dos distintos contadores instalados nas distintas dependencias.
Medio millón de euros de aforro ao ano
Con este sistema, Ciudadanos calcula que se podería lograr un aforro de medio millón de euros ao ano sobre a factura anual de luz que paga actualmente o Concello de Lugo, que é de 6 millóns de euros ao ano. “Moitas familias nas súas casas estudaron distintas ofertas e mesmo se cambiaron de compañía para tentar reducir a factura da luz, que é un dos principais gastos nos fogares, por iso non entendemos que o Concello de Lugo, que gasta 6 millóns de euros ao ano en luz, non o faga”, argumenta Olga Louzao.
Finalmente, a voceira de Ciudadanos criticou a “proposta etérea” do voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, de crear a figura do xestor enerxético no Concello de Lugo e, con ironía, propúxoo a el mesmo para o cargo. “Imos propoñerlle á alcaldesa que nomee para o posto de xestor enerxético ao voceiro de Lugonovo, para mitigar as ansias de entrar no Goberno do señor Santiago Fernández Rocha, que actúa habitualmente como voceiro socialista e seica ten alma de xestor frustrada”, criticou Olga Louzao.