A voceira de Ciudadanos afirma que a actual alcaldesa ten unha “oportunidade de ouro para desmarcarse eliminando os urbanizables previstos no Plan Xeral e que a Xunta non acepta” 

Ciudadanos defende un modelo urbanístico “antagónico” ao compartido polo PP e o PSOE e pregúntase se o PXOM aprobado conxuntamente por ambos partidos en 2010 e 2012 “responde aos intereses da cidadanía de Lugo ou a outro tipo de intereses”  

Lugo, 1 de decembro de 2016. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, pregúntalle á actual alcaldesa, Lara Méndez, “se comparte o mesmo modelo urbanístico dos seus predecesores Orozco, Besteiro e Liñares”. Louzao fíxose esta pregunta á saída esta mañá da Comisión de Planeamento, a primeira que se celebra neste mandato e na que o Goberno municipal anunciou que segue adiante co proceso para inorporar ao Plan Xeral os urbanizables deseñados na época en que Orozco era alcalde e Besteiro primeiro e Liñares despois concelleiros de Urbanismo.

“Non sabemos se esta alcaldesa e este equipo de Goberno comparten o mesmo modelo de cidade e a mesma xestión do urbanismo que fixeron Orozco, Besteiro e Liñares, pero se non é así Lara Méndez ten unha oportunidade de ouro de desmarcarse deles dando marcha atrás no 5% que queda pendente de aprobar do PXOM e que basicamente consiste no modelo de construír urbanizacións de chalés nas parroquias rurais máis próximas a Lugo”, afirmou a voceira de Ciudadanos.

Olga Louzao explicou que Ciudadanos considera que “é necesario colmatar a cidade construíndo nas zonas aínda sen vivendas, como o Carme, San Fiz ou Garabolos, onde aínda hai capacidade de crecemento urbano, e fomentar a rehabilitación de barrios como Recatelo, A Milagrosa ou o Barrio Feijóo antes que expandir a cidade dando o salto a novas zonas de crecemento inconexas, un modelo moi pouco sustentable economicamente para o Concello á hora de ter que prestar os servizos”, argumentou.

Sen embargo, afirma a voceira de Ciudadanos, “segundo nos deixou claro esta mañá na Comisión de Planeamento o actual concelleiro de Urbanismo, Daniel Piñeiro, o Goberno municipal vai seguir tentando xustificar diante da Xunta o inxustificable, como é que nalgunhas parroquias da zona rural haxa terreos onde se poidan facer urbanizacións cando as fincas que están ao lado deses terreos son solo rústico protexido, sen que haxa diferenza algunha morfolóxica entre eles”. “Pero en vez de eliminar eses solos urbanizables para cumprir co que di a Xunta no seu informe, este Goberno teima en seguir manténdoos non sabemos moi ben por que”, critica Olga Louzao.

“Non hai cronograma para a aprobación do 5% pendente”

Olga Louzao criticou que o Goberno municipal non presentara esta mañá “cronograma algún” para a aprobación definitiva do 5% do PXOM que está pendente e tamén que o Executivo socialista non teña deseñado “un plan B” en caso de que o 95% xa aprobado sexa anulado polos tribunais de xustiza, ben polas demandas interpostas por distintos colectivos, como a Asociación das Costas do Parque, e que están aínda pendentes de resolver, ben por non trer sido sometido no seu momento o documento aprobado ao trámite de avaliación ambiental e que motivou recentemente a anulación do Plan Xeral de Vigo por parte do TSXG.

A vociera de Ciudadanos afirma que “os últimos 5 anos foron 5 anos perdidos para aprobar o plan de urbanismo da cidade, porque PP e PSOE aprobaron conxuntamente no ano 2012 unha proposta para o 5% pendente que agora á Xunta non lle vale, polo que esta situación retrotráenos ao ano 2011”. Para Olga Louzao, “PP e PSOE, que foron os que aprobaron este modelo urbanístico, seguen facendo piña en torno a este PXOM”. “A que responde este Plan Xeral, aos intereses da cidadanía de Lugo ou a otro tipo de intereses”, pregúntase Ciudadanos, que defende un modelo de urbanismo “antagónico” ao de PP e PSOE.

Ciudadanos está preocupado pola inseguridade xurídica creada, que está paralizando proxectos de importancia social como o centro para persoas con autismo previsto na gardaría co campus universitario e afirma que “o que está a aconter nestes momentos co urbanismo nesta cidade deriva dun mal PXOM aprobado no seu día polo PP e o PSOE e dunha xestión urbanística á carta levada a cabo durante anos por Gobernos tanto do PP como do PSOE”.

A “historia interminable” de 21 anos de tramitación

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lugo, revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOU) de 1991, iniciou o seu proceso de elaboración o día 28 de abril de 1995, cando o Pleno da Corporación Municipal de Lugo acordou iniciar o procedemento de revisión do planeamento urbanístico vixente. No ano 2001, durante o primeiro Goberno bipartito PSOE-BNG, aprobáronse as directrices de planeamento como folla de ruta de criterios a seguir no proceso e obxectivos finais a lograr co novo planeamento.

Desde o ano 2003 a historia do PXOM é unha historia de incumprimento reiterado de prazos até que finalmente o 30 de decembro do 2010 PP e PSOE aproban conxuntamente no Pleno Municipal o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo, que foi remitido á Xunta para a súa aprobación definitiva o 3 de febreiro de 2011. Segundo a orde emitida pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de aprobación definitiva do PXOM de Lugo do 29 de abril de 2011 a Xunta deixaba en suspenso un 5% do Plan Xeral, que está aínda pendente de aprobación. Para tentar dar saída a ese 5% pendente PP e PSOE aprobaron novamente de maneira conxunta en Pleno o 3 de decembro de 2012 un novo documento que segue sen ser aceptado pola Xunta.