Olga Louzao pide que se saque a concurso público para aproveitar as ofertas das distintas compañías unha vez liberalizado o mercado da enerxía  

Ciudadanos calcula que deste xeito podería aforrarse máis de medio millón de euros ao ano na factura da luz que paga o Concello de Lugo, que ascende a 6 millóns de euros ao ano

Lugo, 30 de novembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos pediu esta mañá que se saque a concurso público o subministro eléctrico a todas as instalacións e dependencias do Concello de Lugo, que neste momento se presta de maneira parcelada con distintas compañías con contratos que vulneran en moitos casos os trámites esenciais de contratación por parte das administracións públicas.

A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, lembra que hai un ano foi aprobada no Pleno unha iniciativa de Ciudadanos que pedía “iniciar os trámites para sacar a concurso a subministración de enerxía de todas as instalacións do Concello de Lugo, xa que non se levou a cabo ningún cambio desde a liberalización do sector, o que podería significar un importante aforro na factura eléctrica municipal”.

Un ano despois de aprobarse esta moción “non se fixo nada”, denuncia Olga Louzao, que revela que o Concello segue a contratar a luz con reparos de legalidade do Interventor municipal por saltarse os procedementos de contratación das administracións públicas, como pasou cos contratos realizados coa compañía Gas Natural para dependencias como a estación potabilizadora, a sede da Policía Local ou o MIHL.

Unificación dos contratos e unha única factura

Ciudadanos pide que se unifique nun único contrato a totalidade do subministro, o que suporía ofertas máis vantaxosas en canto ao prezo ofertado por quilovatio polas distintas compañías, tendo en conta o volume contratado, que ronda os 6 millóns de euros ao ano. No prego de condicións deberían detallarse as características das distintas instalacións, podendo facer dous lotes, un para as que precisan de subministro de alta tensión e outro para as dependencias nas que é suficiente subministro convencional en baixa tensión.

Do mesmo xeito, Ciudadanos pide que se integren os distintos consumos nunha única factura, de xeito que se facilite a súa tramitación por parte dos servizos municipais. “Non é o mesmo ter que tramitar 200 facturas de luz cada mes, unha de cada edificio ou instalación municipal, como acontece neste momento, que tramitar unha soa factura”, opina Olga Louzao, aínda que nela se detallen de igual maneira os consumos dos distintos contadores instalados nas distintas dependencias.

Medio millón de euros de aforro ao ano

Con este sistema, Ciudadanos calcula que se podería lograr un aforro de medio millón de euros ao ano sobre a factura anual de luz que paga actualmente o Concello de Lugo, que é de 6 millóns de euros ao ano. “Moitas familias nas súas casas estudaron distintas ofertas e mesmo se cambiaron de compañía para tentar reducir a factura da luz, que é un dos principais gastos nos fogares, por iso non entendemos que o Concello de Lugo, que gasta 6 millóns de euros ao ano en luz, non o faga”, argumenta Olga Louzao.

Finalmente, a voceira de Ciudadanos criticou a “proposta etérea” do voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha, de crear a figura do xestor enerxético no Concello de Lugo e, con ironía, propúxoo a el mesmo para o cargo. “Imos propoñerlle á alcaldesa que nomee para o posto de xestor enerxético ao voceiro de Lugonovo, para mitigar as ansias de entrar no Goberno do señor Santiago Fernández Rocha, que actúa habitualmente como voceiro socialista e seica ten alma de xestor frustrada”, bromeou Olga Louzao.