img_1259_opt

Olga Louzao revela que a estrutura interna da pasarela metálica que serve de beirarrúa atópase moi deteriorada pola corrosión e pide unha “solución definitiva” para este entorno   

Esta pasarela “provisional” foi construída sendo alcalde Tomás Notario e leva operativa 25 anos    

Lugo,18 de novembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos pregúntalle ao Goberno local polo estado no que se atopa o estudo de detalle para o desenvolvemento urbanístico do solar situado na Ronda da Muralla entre San Roque e Montero Ríos e “que perspectivas hai a curto prazo de dar unha solución definitiva á actual pasarela metálica, que foi construída con carácter provisional e cumpre 25 anos instalada neste lugar”.

A voceira de Cuidadanos no Concello, Olga Louzao, pregúntalle ao Goberno socialista “se houbo avances” no desenvolvemento urbanístico da unidade de actuación na que está emprazada esta pasarela, construída sendo alcalde Tomás Notario, para buscar deste xeito unha solución arquitectónica definitiva a este entorno que permita a urbanización da zona e a eliminación deste paso. Olga Louzao pregunta polo estado no que se atopa este estudo de detalle así como a subsanación das deficiencias e modificacións solicitadas pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia por atoparse este lugar fronte á Muralla e en pleno Camiño Primitivo e pide “que se axilicen os trámites para dar unha solución á zona a curto prazo”.

“O arranxo desta beirarúa mediante o denvolvemento urbanístico da zona que permita a eliminación definitiva da pasarela metálica é un asunto moi demandado polos veciños e viandantes que a diario utilizan este paso, un dos máis transitados da cidade”, argumenta Olga Louzao, que considera que “desde o punto de vista da seguridade vial, a entrada actual dos vehículos ao Carril das Flores desde a Ronda supón un risco evidente para os peóns, que se ven obrigados a cruzar a calzada para acceder á pasarela metálica desde San Roque sen ningún tipo de elemento de protección que os separe dos vehículos nin indicación algunha de que teñen preferencia de paso”. Hai poucos días, lembra a voceira de Ciudadanos, un vehículo empotrouse contra o valado actual do solar causándolle desperfectos.

Reparación superficial hai 4 anos

A última reparación efectuada neste paso existente na Ronda da Muralla entre San Roque, Carril das Flores e Montero Ríos foi acometido a finais de 2012. A obra contou cun orzamento de 10.679 euros e consistiu unicamente na reposición do chan metálico, pero non foron substituídos os elementos danados da estrutura, que contan na actualidade con notables desperfectos, perceptibles a simple vista, debidos principalmente á corrosión, posto que no inverno e para evitar os esvaróns e caídas por mor do xeo, seméntase sal, o que incrementou o nivel de corrosión do ferro. Olga Louzao pide que os técnicos municipais revisen esta estrutura antes de que chegue o inverno por se fose necesario reparala para “garantir a seguranza dos peóns e viandantes”.

Chatarra ou resto arqueolóxico

Olga Louzao denuncia tamén a situación de “insalubridade e mala imaxe” que produce este predio a carón da Muralla e ironiza preguntando ao Goberno “se a grúa que hai neste lugar desde hai anos pasou xa, debido ao tempo tanscorrido, de ser simple chatarra a ter a consideración de resto arqueolóxico”. Por iso pídelle a Lara Méndez que “se é simplemente chatarra ordene a súa retirada e se xa pasou a ser un resto arqueolóxico ao pé da Muralla e o Camiño Primitivo proceda a catalogalo como tal”.

En pleno debate municipal sobre a idoneidade de autorizar a colocación de lonas decorativas en edificios en ruína, a voceira de Ciudadanos afirma tamén que “non hai lona capaz de tapar a desidia deste Goberno ruinoso”.