Xesús Expósito afirma que “non é lóxico, por obxectividade, que quen pon a multa resolva o expediente”, polo que propón ao Goberno “separar as dúas funcións e nomear a un técnico de administración xeral como instrutor dos expedientes sancionadores en materia de tráfico”

Ciudadanos afirma que “os policías locais non deben estar nos despachos tramitando papeis senón na rúa patrullando”    

Lugo, 16 de novembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos propón que a unidade administrativa de sancións dependa da area económica do Concello e non da Policía Local, polo que pide á alcaldesa que reorganice a estrutura interna municipal para evitar que miles de multas poidan ser anuladas por defectos na súa tramitación.

O concelleiro Xesús Expósito explica que as funcións encomendadas aos membros da Policía Local están definidas no artigo 8 da Lei de Coordinación das Policías Locais de Galicia e na Relación de Postos de Traballo do Concello e “entre as súas funcións non está a de ser instrutores de expedientes sancionadores”, afirma.

Por iso, Expósito pide á alcaldesa, Lara Méndez, que “pase a unidade de sancións á área económica do Concello e nomee a un técnico de administración xeral como instrutor dos expedientes sancionadores en materia de tráfico”. Esta persoa estaría, como responsable, á fronte da unidade administrativa de sancións, “que ten moita máis lóxica que dependa de servizos como poden ser o de Recadación e non da Policía”, argumenta o concelleiro de Ciudadanos.

Separar as funcións de denunciante e instructor

Expósito considera “moito máis lóxica e garantista” esta estrutura que propón Ciudadanos “para que non sexan o mesmo o denunciante e o instrutor”. “Non nos parece moi obxectivo que quen pon a multa sexa tamén quen resolve o expediente” –afirma–, así que “para evitar fallos na tramitación” Ciudadanos propón “que non se atribúan ao mesmo órgano as distintas fases do procedemento diferenciando claramente as funcións das distintas áreas”.

Do contrario, afirma Xesús Expósito, “o Concello de Lugo corre o risco de que sexan anulados miles de expedientes sancionadores”. Coa súa proposta, Ciudadanos quere “que se saque do limbo legal no que se atopa nestes momentos a unidade administrativa de sancións”.

“Os policías locais non deben estar nos despachos tramitando papeis”

Ciudadanos afirma que a actual plantilla da Policía Local ten “poucos efectivos”, polo que “non ten sentido darlles máis funcións, como son as de instruír expedientes”. Xesús Expósito considera que “a proposta que fai Ciudadanos é un xeito de optimizar a plantilla deficitaria actual da Policía Local”.

“Pensamos que os policías locais non deben estar nos despachos tramitando papeis senón na rúa patrullando, que é o que reclama a cidadanía de Lugo, máis presenza policial na rúa ao servizo dos cidadáns e dunha maior seguridade colectiva”, afirma Expósito. Ciudadanos considera “que non é lóxico que nun turno haxa só 4 policías patrullando e 8 nas oficinas”. “A Policía Local ten que cumprir as súas funcións e os procesos administrativos corresponden ao persoal administrativo”, conclúe Ciudadanos.