Olga Louzao denuncia que a maleza de varios predios abandonados invade xa o patio do colexio e na zona proliferan ratas e vespas
Ciudadanos denuncia a rotura dunha tubaxe de augas fecais que está vertendo en pleno Camiño Primitivo de xeito continuo
Lugo, 7 de novembro de 2016. O grupo municipal de Ciudadanos solicita ao Goberno municipal que solucione de maneira urxente os problemas de insalubridade existentes na rúa do Vicedo, detrás do Colexio San Xosé, onde se acumula lixo, maleza e un vertido de augas fecais.
Os concelleiros de Ciudadanos Olga Louzao e Xesús Expósito denuncian que a maleza de tres predios abandonados na parte traseira do colexio chega a varios metros de altura e está saltando xa por riba do balado e invadindo o patio do centro educativo. No entorno abundan tamén as ratas e as vespas, que se poden ver habitualmente cando os cativos e cativas están a xogar, o que supón un perigo evidente para o alumnado.
A voceira de Ciudadanos explica que “tanto a dirección do centro como a AMPA do colexio presentaron ao comezo do curso escolar, hai máis dun mes, no Concello un escrito denunciando esta situación e reclamando solucións pero a día de hoxe o Goberno municipal nin solucionou o problema nin tan sequera se puxo en contacto con ninguén do centro educativo”. Olga Louzao considera “imperdoable e intolerable” a “desidia” do Goberno municipal socialista neste asunto, “máis grave se cabe por atoparse no entorno dun colexio ao que todos os días acoden nenos e nenas”.
Limpeza das parcelas e acondicionamento dun aparcadoiro público
Ciudadanos propón ao Goberno municipal socialista que esixa aos propietarios destas tres parcelas que están pegadas ao colexio a súa limpeza e que negocie con eles a súa cesión temporal ao Concello para facer un aparcadoiro público en tanto non se constrúe nelas. “Propoñemos que unha vez desbrozadas estas fincas se lles bote unha pouca de grava e se acondicione o camiño de acceso, que aparece no rueiro municipal como rúa do Vicedo, para que este espazo que está moi preto do centro da cidade poida ser usado como aparcadoiro disuasorio para as persoas que soben pola rúa Santiago para dirixirse ao centro da cidade, evitando deste xeito que eses coches circulen pola Ronda da Muralla”, argumenta Olga Louzao, que tamén propón que se faga un mural no balado de formigón de 5 metros de altura que separa estes predios do colexio. “No seu conxunto é unha actuación integral que custa moi poucos cartos e que melloraría moito este entorno”, defende Ciudadanos.
Vertido de augas residuais directamente ao Camiño Primitivo
Os concelleiros de Ciudadanos tamén denuncian neste entorno un vertido de augas residuais que é competencia municipal debido á rotura dunha tubaxe que está a verter directamente sobre unha finca e unha corredoira situadas pola parte de abaixo da rúa do Vicedo. “Hai máis dun ano que se producen diariamente estes vertidos que están a chegar ao Camiño Primitivo, que discorre por esta parte do Carme”, denuncia Olga Louzao, que esixe ao Goberno municipal “unha solución inmediata a este problema de contaminación grave”. Ciudadanos presentará unha iniciativa con todos estes asuntos para que o Goberno municipal socialista actúe de inmediato.