Esta mañá quedou constituída, a iniciativa de Ciudadanos a Comisión encargada de supervisar o cumprimento dos acordos aprobados no Pleno do Concello 

Olga Louzao acusa á alcaldesa de “desidia e falta de respecto á oposición” á hora de poñer en marcha iniciativas aprobadas relativas á ORA, o guindastre municipal, o Garañón, a licitación de servizos sen contrato, a Ordenanza de contaminación acústica, a Biblioteca da Piringalla, a Relación de Postos de Traballo, a reorganización da Policía Local ou a mellora da seguridade viaria

Lugo, 24 de outubro de 2016. O Grupo municipal de Ciudadanos denunciou hoxe a nula execución por parte do Goberno municipal socialista dos acordos plenarios aprobados no que vai de mandato, un total de máis de 135 iniciativas dos distintos grupos políticos que mereceron o respaldo maioritario do Pleno e que seguen sen aplicarse.

De feito, esta mesma mañá quedou constituída, a iniciativa de Ciudadanos, a Comisión Municipal encargada de supervisar o cumprimento destes acordos, que pasará a reunirse cunha periodicidade trimestral. O informe presentado polo Goberno Municipal a esta Comisión deixa en evidencia, segundo Ciudadanos, “que non se fixo nada para aplicar estes acordos máis alá de dar traslado deles ás distintas dependencias e organismos afectados”.

A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, afirma que “a Comisión celebrada hoxe deixou en evidencia as vergoñas deste Goberno inoperante e a desidia da alcaldesa á hora de poñer en marcha moitas destas medidas, o que supón tamén unha falla de respecto e consideración do Goberno municipal en minoría cos grupos da oposición que facemos achegas e propostas que son beneficiosas para o conxunto da cidadanía”.

Demora de 10 meses na constitución desta Comisión

Para a voceira de Ciudadanos o feito de que o Goberno municipal tardara 10 meses en convocar por primeira vez esta Comisión de Seguemento dos Acordos Plenarios, aprobada en decembro do ano pasado, “dá mostra do pouco interese do Goberno en aplicar os acordos que se adoptan no máximo órgano democrático do Concello, que é o Pleno”. Olga Louzao agarda que esta Comisión “sirva para axilizar a aplicación dos acordos que se aproban, porque son asuntos que benefician á xente”.

No que vai de mandato van aprobadas no Pleno máis dun cento de iniciativas de todos os grupos. Algunhas delas tan relevantes como as relativas á ORA, o guindastre municipal, a Comisión do Garañón, a Ordenanza de Contaminación Acústica, a licitación de servizos sen contrato, a Relación de Postos de Traballo municipal, a Biblioteca da Piringalla, a mellora do servizo de bombeiros, a reorganización da Policía Municipal, a nova ubicación da Escola de Música, ou cuestións relativas á mellora do ferrocarril, aos servizos sanitarios na cidade ou á seguridade viaria en distintas zonas e rúas da cidade.