lugo

Os concelleiros Olga Louzao e Xesús Expósito reuníronse esta mañá co responsable de barreiras arquitectónicas da asociación Auxilia, Aquilino González, co que coincidiron en que os 50.000 euros actuais son insuficientes 

Ciudadanos pide que se elabore un mapa de puntos negros da cidade en materia de accesibilidade, un estudo de custos para a súa eliminación e unha planificación orzamentaria plurianual para a súa eliminación  

Lugo, 19 de outubro de 2016. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, xunto co concelleiro deste grupo, Xesús Expósito, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo co responsable de barreiras arquitectónicas de Auxilia Lugo, Aquilino González, na que abordaron os traballos aínda pendentes que en materia de accesibilidade ten a cidade de Lugo.

Ciudadanos e Auxilia coinciden en que a partida actual de 50.000 anuais que o Concello de Lugo destina a eliminar barreiras arquitectónicas na cidade é insuficiente para acometer os traballos pendentes porque só permite actuar nun par de rúas e eliminar unha ducia de barreiras. Por iso, Ciudadanos pedirá ao Goberno municipal un incremento desta partida nos Orzamentos do vindeiro ano que están a punto de ser elaborados.

“O Goberno municipal non pode dicirnos que non hai cartos para isto, porque do Orzamento do pasado ano sobráronlles 6 millóns de euros que deixaron sen executar e que van levar a este Pleno para amortizar débeda. Pois nós pensamos que en vez de metelos no banco, unha parte deses cartos estaban moito mellor empregados en cuestións coma esta, porque a eliminación de barreiras arquitectónicas na cidade facilita a vida diaria a moitas persoas”, argumenta Olga Louzao.

Elaboración dun mapa de puntos negros 

A voceira de Ciudadanos no Concello solicita a elaboración dun mapa de puntos negros en materia de accesibilidade na cidade, un estudo de custos do orzamento necesario para a súa eliminación e a elaboración dun plan orzamentario plurianual para acometer estas actuacións no que se prioricen os traballos pendentes comezando polas rúas máis transitadas por persoas con mobilidade reducida.

Neste sentido, Aquilino González explicou aos concelleiros de Ciudadanos que quedan por executar rampas pendentes na zona norte da cidade e na zona de Lamas de Prado e que é necesario planificar a substitución de rampas antigas que hai por toda a cidade, as primeiras que se colocaron, porque teñen un pequeno desnivel que dificulta o seu uso.

Do mesmo xeito, Auxilia solicita a substitución das zonas de adoquinado existentes por dificultar o tránsito de cadeiras de rodas e propón comezar pola zona de Quiroga Ballesteros e polo tramo da Ronda da Muralla comprendido entre a Mosqueira e a Rúa do Teatro.

Caída en picado do Orzamento para eliminación de barreiras 

O Concello de Lugo executou un ambicioso programa de eliminación de barreiras arquitectónicas entre os anos 2005 e 2010 financiado polo Imserso e a Once que supuxo o investimento de 1,3 millóns de euros en actuacións de accesibilidade en 70 rúas da cidade, pero unha vez rematado ese convenio o investimento nesta materia “caeu en picado”, denuncia Olga Louzao, que considera que “non por recibir premios como cidade accesibilidade nos podemos dar por contentos porque aínda quedan actuacións pendentes e a dotación económica para acometelas é absolutamente insuficiente”, denuncia.