Olga Louzao reclama a convocatoria da Comisión de Festas para coñecer con detalle os ingresos e os gastos realizados

Ciudadanos considera que é necesaria “transparencia” xa que “as festas páganse con cartos de todos os lucenses”

Lugo, 13 de outubro de 2016. A voceira de Ciudadanos no Concello de Lugo, Olga Louzao, solicitou esta mañá ao Goberno municipal que presente canto antes as contas do San Froilán deste ano para “coñecer con detalle canto se gastou e en que”. Louzao considera necesario que haxa “máxima transparencia” posto que “as festas páganse con cartos de todos os lucenses, polo que hai que ser moi escrupulosos”.

Louzao pedíu á alcaldesa, Lara Méndez, e á concelleira de Cultura, Carmen Basadre, que convoquen a Comisión de Festas e presenten neste órgano, no que están representados todos os grupos políticos, o balance económico do San Froilán 2016 para poder analizar tanto os gastos como os ingresos e aportacións que se produciron. A voceira de Ciudadanos considera necesario coñecer esta información antes de empezar a elaborar os Orzamentos do ano que ven, “para que a partida que se destina ás festas nos Orzamentos municipais se axuste ás necesidades reais e non sexa posta ao tuntún”.

Ciudadanos considera que “o San Froilán ten un gran tirón que ten que servir para que se incremente a recadación” conseguindo máis aportacións e patrocinios “de xeito que as festas custen o menos posible ao peto de todos os lucenses sen que con iso merme a calidade das patronais”. Louzao considera que este é un aspecto que ten “descoidado” o Goberno municipal.

O éxito débese á implicación dos cidadáns

A voceira de Ciudadanos aproveitou tamén para felicitar aos cidadáns de Lugo “pola súa implicación un ano máis nas festas patronais da súa cidade”. Louzao afirmou que “o éxito do San Froilán debeuse novamente á participación da xente durante os oito días que duran os festexos” e considerou que “o mérito é colectivo porque o San Froilán facémolo entre todos”.

A voceira de Ciudadanos considerou ademais que “o San Froilán é un dos símbolos da cidade de Lugo xunto coa Muralla ou o río Miño”. Neste sentido, pedíu “que se saiba aproveitar o tirón que ten o San Froilán fóra de Lugo para promocionar a cidade”.

A adxudicación das casetas, o aspecto negativo

Olga Louzao considerou que á polémica adxudicación das casetas do polbo “foi o aspecto negativo das festas deste ano” porque “desprestixiou un dos reclamos que ten o San Froilán, que é vir comer o polbo”. A voceira de Ciudadanos observou “menos xente que outros anos nas casetas do polbo” e culpou desta situación á polémica xerada froito da “actuación improvisada e pouco previsora do Goberno municipal, que fixo cambios nas bases do concurso e deixou para o último momento unha adxudicación que puido estar feita no mes de xaneiro”.