Cidadáns logra que o Recinto Feiral se use como polideportivo multiusos para os clubs e asociacións da cidade 

O pleno aprobou a moción do grupo municipal que ofrece unha solución eficiente á falta de espazos deportivos usando os recursos existentes 

Pontevedra, 29 de agosto de 2016. O grupo municipal de Cidadáns en Pontevedra logrou que o pleno desta mañá aprobase a súa moción para usar o Recinto Feiral de Pontevedra como polideportivo multiusos a pesar de que o BNG votou en contra da mesma. A partir de agora, a agrupación iniciará unha rolda de contactos cos clubs e asociacións de Pontevedra para saber cales estarían interesados en aproveitar esta oportunidade para acceder a un espazo no que adestrar ou practicar a súa disciplina na cidade.

A concelleira de Cidadáns María Rey, presentou a proposta afirmando que “todos coñecemos a necesidade de instalacións deportivas que hai en Pontevedra. Proba diso é o anuncio da construción dun novo pavillón deportivo na Parda e que moitos clubs teñen que desprazarse a outros municipios para adestrar”, engadiu.

María Rey explicaba durante a súa intervención que “esta moción busca ofrecer unha solución temporal a unha demanda real, sempre fóra do calendario de eventos destinados a desenvolverse nesta infraestrutura”. Igualmente, Rey aclarou que “as actividades programadas nesta infraestrutura non son demasiadas”, concretamente indicou que, “en 2015, segundo os datos existentes na web do Pazo da Cultura, só estivo ocupado ao redor de 95 días”.

Durante a súa quenda de palabra, Rey defendeu que “ se trata dunha solución eficiente, económica, simple e cómoda, por situación, dimensións e facilidade de acondicionamento, para dispoñer dun espazo necesario para as prácticas deportivas na cidade ata que se constrúa o pavillón da Parda”.

Con todo, a concelleira insistiu en que se trata dunha medida temporal e fixo fincapé en que “a medio prazo gustaríanos que o Recinto Feiral albergase actividades propias que permitisen mellorar a economía da nosa cidade”.

Cidadáns leva máis de ano e medio poñendo encima da mesa que en Pontevedra existe unha gran demanda de espazos deportivos que non está a ser atendida polo Concello, o que leva a que moitos clubs e asociacións tivesen que irse fóra da cidade para practicar a súa disciplina. Por iso, o grupo municipal sempre traballou co obxectivo de contar con infraestruturas deportivas de calidade que abarquen a demanda actual e futura do tecido asociativo-deportivo pontevedrés.