O grupo municipal desexa moita sorte a estes tres mozos na competición que se celebrará en Irlanda

Pontevedra, 24 de agosto de 2016.  O grupo municipal de Cidadáns quixo mostrar o seu apoio ás novas promesas do Kickboxing pontevedrés que acudirán ao Campionato Mundial da WAKO (World Associattion of Kickboxing Organizations) en Irlanda. Para iso, a concelleira de Cidadáns, María Rey, e o responsable de Deportes do partido, Luismi Lamas, reuníronse cos tres deportistas e o seu adestrador no Ximnasio ABP e mostraron a súa admiración por estes loitadores que conseguiron chegar tan lonxe sen practicamente ningún apoio.

Isaac Otero, Javier Cortegoso e Nicolás Medranda son os tres pontevedreses que representarán a España na categoría cadete e junior da competición internacional. Desde Cidadáns quíxose poñer en valor que uns deportistas de tan curta idade estean a lograr tantos éxitos e que, en palabras de Luismi Lamas, “o fixesen sen contar co apoio institucional que reciben outros clubs”.

Pola súa banda, a portavoz de Cidadáns, María Rey, mostrou “o orgullo que supón para calquera pontevedrés que tres deportistas tan novos xa estean na elite dunha disciplina tan dura como o kickboxing” e, sobre todo, animoulles a continuar traballando e avanzando pola mesma senda porque “todo o seu esforzo seguro que ten recompensa”, xa que, como dixo, “estou segura de que deixarán a España, a Galicia e a Pontevedra nun gran lugar”.

Cidadáns desexoulles moita sorte e comprometeuse a “seguir loitando por favorecer a práctica deportiva na cidade, ofrecendo igualdade de oportunidades a todas e cada unha das disciplinas que se practican, ademais de facer un esforzo por incrementar os recoñecementos públicos ao esforzo e sacrificio das novas promesas que están a deixar tan alto o pavillón do deporte galego e español”.