O grupo municipal lamenta que os concelleiros do BNG se levantaran da mesa de traballo na que se debatían as conclusións da Comisión, ademais de mostrar unha actitude pouco respetuosa cos demais concelleiros
Pontevedra, 28 de xullo de 2016. A presidenta da Comisión para o Estudo e Impulso da PXOM e concelleira de Cidadáns, María Rey, presentou as conclusións dos sete meses de traballo da mesma nas que colaboraron todos os grupos políticos da oposición (PSOE, PP e Marea) e outros colectivos sociais como a Delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), o Colexio Oficial de Aparelladores, Arquitectos Técnicos e Enxeñeiros da Edificación de Pontevedra (COAATPO), a Asociación de Empresarios da Pequena e Mediana Empresa (AEMPE) e a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE). Segundo Rey, “quedou claro neste tempo que os argumentos esgrimidos polo goberno local para non pór en marcha a PXOM son falsos e están claramente anticuados”.
A portavoz de Cidadáns lamentou a actitude pouco respectuosa dos representantes do BNG co resto de concelleiros e que se levantasen da mesa de traballo na que se estaban debatendo as conclusións da Comisión.
A pesar de todo, o próximo 30 de agosto convocarase unha nova reunión para debater e votar as conclusións, dando por finalizada así esta Comisión que serviu para, nas súas palabras, “confirmar que calquera argumento en contra da PXOM pódese tirar abaixo con sentido común e abalado polos técnicos que son os que realmente teñen que manifestarse respecto diso”. A presidenta da Comisión informou de que “imos deixar o informe a disposición do grupo de goberno para ver se queren achegar algo ou se se queren unir ao mesmo”.
Nas conclusións do informe anúnciase a intención de “instar o goberno local a que retome a redacción e aprobación da PXOM e adapte o documento actual á nova Lei do Solo de Galicia e ao resto de normativa aplicable”. Así mesmo, remitirase á Xunta o documento resultante para que emita un informe preceptivo previo e solicitarase unha reunión coa Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, así como coa Secretaria Xeral de Urbanismo, para coñecer a posición do Goberno respecto a este tema e buscar unha solución dialogada á situación. “O obxectivo é que haxa coordinación entre as administracións que, moitas veces, é o que paraliza os plans”, engadiu María Rey.
María Rey mostrou a súa indignación coa situación afirmando contundentemente que “Pontevedra ten soamente un modelo estético e nós consideramos que necesita un modelo económico, un modelo de transporte, un modelo que aposte por unha cidade do século XXI e non por unha cidade museo que é no que se está convertendo Pontevedra”. Respecto da actitude do grupo de goberno, a portavoz de Cidadáns insistiu en que “nun Concello o diálogo é fundamental e, sobre todo, tendo en conta que o BNG goberna en minoría e que ten que contar co resto dos grupos, non é a actitude correcta. Se catro grupos tan diferentes como PSOE, PP, Marea e Cidadáns poden sentar, dialogar, acordar e debater, por que sempre é o BNG o que se levanta da mesa?”.
Argumentos falsos
O grupo de goberno mostrouse tallante respecto das peticións de reactivación da PXOM esgrimindo sempre os mesmos argumentos. Con todo, as comparecencias e reunións desta Comisión deixaron claro que respecto da edificabilidade, a única discrepancia é que, segundo o grupo de goberno, é imprescindible reducir nunhas 5.000 vivendas novas o proxectado no informe inicial. Trátase dunha cifra pequena, asumible e perfectamente negociable.
Doutra banda, no informe indícase que os terreos de Monte Carrasco xa non son un inconveniente ante o convenio asinado entre o Concello e a Xunta para a ampliación de Montecelo e corrobórase que a cualificación dos terreos de Ence e Elnosa poden quedar fóra do PXOM que se realice.
Da mesma forma, as conclusións poñen de manifesto que si existe inseguridade xurídica para os veciños e empresarios de Pontevedra, xa que o plan antigo non está adaptado ao novo marco legal que supón a Lei do Solo, de obrigado cumprimento para o Concello. Ademais, o PXOM permitiría axilizar os trámites municipais para a obtención de licenzas.
As conclusións tamén se refiren aos 800.000 euros de todos os pontevedreses e pontevedresas que custou o informe previo elaborado por Consultora Galega e que está agora mesmo gardado nun caixón. Segundo o informe, quedou demostrado que era responsabilidade do Concello presentar unha nova proposta de aprobación á Secretaría Xeral de Urbanismo, tendo en conta os reparos que presentara, e non se realizou.
Segundo o documento presentado, Pontevedra é a capital de provincia co plan máis antigo; non existe chan industrial no termo municipal, polo que se está freando o desenvolvemento empresarial e a xeración de novos postos de traballo na cidade; e a cartografía actual presenta dificultades para definir as aliñacións e rasantes, tanto para os arquitectos, como para os técnicos municipais.
Por último, actualmente existe na cidade unha falta de organización e planificación sobre o futuro de Pontevedra. En palabras de María Rey “é inviable desenvolver un modelo urbano, tal e como vende o goberno local, sen un PXOM previo”.