IMG_20160718_110445

O grupo municipal considera que xerará problemas de participación, pluralidade e poder de decisión por parte da oposición e dos clubes

Pontevedra, 18 de xullo de 2016. O grupo municipal de Cidadáns en Pontevedra votou en contra da disolución do Instituto Municipal de Deportes (IMD) debatida hoxe no pleno do Concello. Cidadáns mantén así a súa postura en contra desta decisión que considera que suporá unha problemática relacionada coa escasa participación, pluralidade e poder de decisión por parte da oposición e os actores do deporte pontevedrés.

A este respecto, a concelleira e portavoz de Cidadáns, María Rey, argumentou que “entendemos que cunha boa xestión o IMD si podería saír adiante” e insistiu en que coa súa desaparición “quítaselle voz ao tecido deportivo desta cidade”. “Por iso presentamos unha moción para que se faga unha mesa de traballo na que estes poidan volver participar, esperando contar co apoio de todos os grupos”, engadiu.

Concretamente, María Rey referiuse á proposta da creación dun Observatorio Municipal do Deporte co que os diferentes axentes sociais poidan propor, achegar e levar a debate temas que afecten o ámbito deportivo da cidade.

Para a agrupación municipal, o futuro Servizo Municipal de Deportes contará con desvantaxes como a falta dun orzamento independente; estará totalmente controlado pola Xunta de Goberno, que será a que tome as decisións e xestione; non contempla canles de participación na xestión das entidades urbanas; non potencia o asociacionismo nin a participación cidadá; e estará moi burocratizado. De aí, a importancia de crear un órgano que ofreza unha solución consensuada a todas estas cuestións.

O obxectivo é que o Observatorio Municipal do Deporte sexa un espazo de participación e debate entre os axentes do ámbito deportivo da cidade. Trataríase dun órgano consultivo e de participación sectorial do Concello de Pontevedra, ademais de ser un instrumento para a potenciación do deporte e a actividade física no municipio. Así, a súa actividade centrarase no estudo da evolución da práctica deportiva, a análise dos espazos e equipamentos deportivos do concello, a observación do impacto do deporte na cidade, tanto social como económico, o contacto coa rede asociativa do municipio e o fomento da competición deportiva e do deporte en ámbitos como a saúde.

Durante o debate desta moción, María Rey mostrouse sorprendida pola argumentación en contra da disolución do IMD realizada polo grupo municipal do PP. A concelleira non entendeu que “esgrimíronse tantas críticas a esta moción para logo na votación simplemente absterse, é incomprensible”.

Doutra banda, nun momento do pleno o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, falou da existencia dun pacto para aprobar a urxencia de todas as mocións que se presentasen por parte de todos os grupos políticos. Nembargantes, a concelleira e portavoz de Cidadáns, María Rey, afirmou contundentemente que “non podo romper un pacto tácito porque nunca tomei parte no mesmo. Desde o primeiro momento, votei en conciencia  as mocións presentadas por urxencia e normalmente voto en contra, xa que considero que as mocións deben ir ben traballadas e presentarse dentro dos tempos establecidos para iso, porque iso forma parte do bo traballo e xestión dos grupos municipais”.