O grupo municipal sorpréndese da abstención do PP na moción porque se trata dunha reivindicación dun colectivo social
Pontevedra, 01 de xullo de 2016. A agrupación municipal de Cidadáns en Pontevedra presentou no pleno de hoxe unha moción para que o Alcalde, como membro do Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín, inste a este órgano a realizar un estudo sobre a adecuación, en canto a medios materiais, humanos e de formación, da Policía que se encarga da seguridade desta entidade.
A moción foi aprobada coa abstención do grupo popular o que sorprendeu a Cidadáns porque, en palabras da concelleira e portavoz do grupo municipal, María Rei, “trátase de apoiar as reivindicacións dun colectivo que necesita mellorar a súa situación, que é bastante deplorable, xa que só contan cunha navalla e unha lanterna como equipamento de seguridade”.
A agrupación municipal de Cidadáns trasladou ao pleno as peticións do Sindicato Profesional de Policía Portuaria (SPPLB) de Marín que, tras varias reunións, informounos das súas funcións e atribucións, así como das súas necesidades laborais. A este respecto, María Rei afirmou “non entender como as persoas que velan pola nosa seguridade, ven día a día imposibilitado o seu traballo pola falta de medios e formación”.
A concelleira María Rei indicou que “apoiamos as reivindicacións deste colectivo porque as consideramos de recibo. O noso partido sempre se situará ao lado das Forzas de Seguridade”.
UAD
Á moción presentada polo grupo de goberno para esixir á Xunta de Galicia que asuma a Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) de Pontevedra, o grupo municipal de Cidadáns abstívose xa que, segundo a concelleira María Rei, “é complicado que o SERGAS asuma esta xestión ao completo, xa que a UAD inclúe un servizo de día que está na Casa Azul e que non é sanitario, persoal do que parece esquecerse a concelleira de Servizos Sociais, e que para nós é prioritario saber como quedaría a súa situación”.