O grupo municipal considera que é necesario para mellorar a pluralidade e a participación ciudadana no futuro Servizo Municipal de Deportes

Pontevedra, 13 de xuño de 2016.  O grupo municipal de Cidadáns en Pontevedra presentará unha moción no próximo pleno para a creación dun Observatorio Municipal do Deporte que se enmarque no futuro Servizo Municipal de Deportes.

O responsable de Deportes, Luismi Lamas, considera que “tras a disolución do Instituto Municipal de Deportes xurdirá unha problemática relacionada coa escasa participación, pluralidade e poder de decisión por parte da oposición e os actores do deporte pontevedrés”. Por este motivo, Cidadáns suxire a posta en marcha deste órgano co que os diferentes axentes sociais poderán propor, achegar e levar a debate temas que afecten ao ámbito deportivo da cidade.

Para a agrupación municipal, o futuro Servizo Municipal de Deportes contará con desvantaxes como a falta dun orzamento independente; estará totalmente controlado pola Xunta de Goberno, que será a que tome as decisións e xestione; non contempla canles de participación na xestión das entidades urbanas; non potencia o asociacionismo nin a participación cidadá; e estará moi burocratizado. De aí, a importancia de crear un órgano que ofreza unha solución consensuada a todas estas cuestións.

O obxectivo é que o Observatorio Municipal do Deporte sexa un espazo de participación e debate entre os axentes do ámbito deportivo da cidade. Segundo Luismi Lamas, “está pensado como un órgano consultivo e de participación sectorial do Concello de Pontevedra, ademais de ser un instrumento para a potenciación do deporte e a actividade física no municipio”. Así, a súa actividade centrarase no estudo da evolución da práctica deportiva, a análise dos espazos e equipamentos deportivos do concello, a observación do impacto do deporte na cidade, tanto social como económico, o contacto coa rede asociativa do municipio e o fomento da competición deportiva e do deporte en ámbitos como a saúde.

Desta forma, en palabras de Luismi Lamas, “Cidadáns reafirma a súa aposta pola participación cidadá non só nos seus discursos senón con iniciativas reais que teñan un verdadeiro impacto nos veciños de Pontevedra”. Igualmente, o grupo municipal mantén a súa postura en defensa da rexeneración da Administración Pública apostando por unha maior participación cidadá, pluralidade e transparencia. Por iso é polo que o grupo municipal foi o único que votou en contra da disolución do IMD proposta polo PSOE no pleno do pasado 22 de febreiro.