O grupo municipal considera que este servizo é imprescindible nunha cidade coma Pontevedra na que o 30% do centro urbano é peonil
Pontevedra, 24 de maio de 2016. A agrupación municipal de Cidadáns en Pontevedra solicitará no próximo pleno incrementar a presenza e visibilidade das patrullas de policía de proximidade no casco urbano. A concelleira de Cidadáns, María Rey, afirmou ao respecto que “consideramos que a policía de proximidade, tal e como se entende a día de hoxe, ten sentido nas zonas periféricas da cidade e no rural, pero no centro urbano debería patrullar a pé nun horario acorde ás necesidades da cidadanía”.
O obxectivo é lograr que este servizo estea máis preto dos veciños para que coñezan de primeira man os problemas cotiáns de Pontevedra. Para Cidadáns é importante o achegamento do labor da policía municipal ao cidadán, en contacto diario e continuo. María Rey incide en que “entendemos que é de sentido común que a policía teña un enfoque principalmente preventivo, asistencial e solidario, cuxo último fin debe ser axudar e protexer ao cidadán”.
Ademais, a agrupación municipal entende que se a presenza deste concepto de policía é fundamental en todas as cidades, aínda o é máis en Pontevedra, posto que máis do 30% do centro urbano é peonil. Concretamente, María Rey insiste en que “se necesitan patrullas de policías a pé en contacto persoal coa cidadanía para axudar, informar, escoitar suxerencias, previr delitos, procurar a seguridade, evitar accidentes e controlar o cumprimento da normativa municipal”.