IMG_20160518_204227

O grupo municipal reuniuse coas asociacións Músicos ao Vivo e ASEVEGA para consensuar a proposta

Pontevedra, 19 de maio de 2016. A agrupación municipal de Cidadáns en Pontevedra proporá en breve unha modificación da regulación municipal relativa á música nos locais de Pontevedra. Concretamente, preténdese que os locais que teñan autorización para reproducir música enlatada tamén poidan tela para organizar concertos en directo.

Para iso, a agrupación municipal reuniuse con Manuel Alonso e Víctor Franco da asociación Músicos ao Vivo e Merchi Treviño da Asociación de Empresarios da Verbena de Galicia (ASEVEGA) co fin de coñecer as necesidades do sector e poñer en común a proposta de modificación para recoller o criterio profesional destas organizacións.

Desta forma, Cidadáns busca mellorar a actividade cultural da cidade e a oferta de ocio dos locais pontevedreses para reactivar a vida nocturna da cidade, sobre todo, de cara á tempada estival. A concelleira de Cidadáns, María Rey, afirmou ao respecto que “a música como parte da nosa cultura debe ser potenciada e, para iso, os protagonistas deben ter espazos á súa disposición onde mostrar as súas creacións”.