As dificultades para consultar o documento volven pór en evidencia a falta de transparencia do Goberno de Marea Atlántica
A Coruña, martes 12 de abril de 2016. Os coruñeses que queiran consultar o documento de aprobación inicial dos orzamentos da súa cidade para 2016, antes da súa aprobación definitiva, terán que tomalo con calma e altas doses de paciencia, salvo que dispoñan dunha boa billeteira. E é que o Concello, en cumprimento da súa obriga de someter o documento a exposición pública, optou pola mínima: dispor, cara ao público, unha soa copia, na quinta planta da rúa da Franxa (e sen ascensor). Iso si: dá tamén a alternativa de que os funcionarios municipais fagan fotocopias…ao prezo de 1,5 euros cada documento… E son tres dossieres que superan as mil páxinas.
Dado que todos os coruñeses teñen dereito a examinar o documento, e presentar reclamacións –nos supostos que legalmente proceda–, isto suporía que, no caso de que todos quixesen consultalo, disporían dunha media de 1,7 segundos para estudar os milleiros de páxinas que o integran, media que sae de dividir o prazo entre o número de censados (15 días hábiles, é dicir, de 8 horas, entre os máis de 244.000 habitantes empadroados na cidade, a contar desde onte).
Para Cidadáns (C’s) A Coruña, todas estas dificultades para consultar o documento base que rexerá os designios do noso municipio durante este ano, non fai senón pór en evidencia, unha vez máis, a falta de transparencia do equipo de Marea Atlántica, incumprindo así un dos alicerces do seu programa de Goberno.
Por esta razón, pedimos ao Concello que dispoña todos os medios necesarios para facilitar á cidadanía o acceso e consulta gratuíta deste e doutros documentos públicos, para garantir, deste xeito, a prometida transparencia real, non só teórica.