Nega o proxecto de Ordenanza a Cidadáns tras solicitalo formalmente, a pesar de que foi facilitado a partidos, sindicatos e outros colectivos

A Coruña sábado 19 de marzo de 2015. Cidadáns (C’s) A Coruña está sorprendido perante a negativa do Goberno municipal de facilitarlle o proxecto da Ordenanza sobre a Renda Social Municipal, que foi solicitado formalmente pola Agrupación da Coruña, tendo en conta que –como o propio Concello admite na súa páxina web–, foi xa enviado a partidos políticos, sindicatos e outros colectivos da cidade.

O propio alcalde, Xulio Ferreiro, anunciaba o 19 de outubro do pasado ano 2015, ante a prensa, que se ía a enviar o proxecto “aos grupos da oposición e aos actores da cidade implicados nestas políticas”, como recolle a web oficial do Concello

Tras varios intentos de conseguir o documento, recentemente o responsable do Grupo de Traballo de Sanidade e Asuntos Sociais da Agrupación de Cidadáns A Coruña, Juan González de Canales, púxose en contacto co Concello, vía e-mail, para solicitalo, en petición formal á concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán. Sorprendentemente, a resposta desde a citada concellería, lonxe de facilitar a información, négaa argumentando que a Ordenanza “se atopa en proceso de consultas e, polo tanto, aínda é un documento de traballo”. Ademais, engade que “unha vez se leve ó Pleno para a súa aprobación inicial, someterase a un proceso de alegacións públicas non que poderán participar, se o consideran oportuno”

Desde C’s A Coruña, interpretamos esta resposta como unha exclusión intencionada e expresa da nosa formación política, fronte a outros partidos políticos, sindicatos e colectivos profesionais e entidades que contan co devandito proxecto.

Esta actitude oscurantista por parte do Goberno de Marea Atlántica contrasta frontalmente coa “transparencia” da que tanto fai gala o equipo presidido por Xulio Ferreiro. Se a isto engadímoslle que existía un compromiso para que a citada Ordenanza estivese aprobada antes de xaneiro, a situación parécenos lamentable.